Paco Ferreira desatende o servizo de comedores escolares
Sen comida ou con comida escasa nos centros escolares de Gondomar, e cos lavalouzas sen usar pola desidia do goberno de Paco Ferreira.
O feito de que Manifesto Miñor fósemos expulsados do goberno municipal, non nos impide facer un seguimento permanente dos comedores escolares, un importante servizo social, complementario do dereito á educación e favorecedor da conciliación laboral e familiar.
Hai uns días os alumnos e as alumnas de 4º,5º e 6º do Colexio Chano Piñeiro de Gondomar quedaron sen o segundo prato de comida, porque non se lle subministrou o alimento necesario dende a empresa concesionaria do servizo. Non é o único caso; nas últimas semanas detectamos que tamén noutros centros de ensino do no noso concello se está a recortar o subministro da cantidade de alimentos que se asigna ao alumnado nos comedores escolares, que en ocasións chega a ser escaso. Así nolo trasladaron as familias das nenas e dos nenos que, diariamente, empregan o comedor escolar dos centros de Gondomar.
Xa que logo, alertamos e instamos ao novo responsable do departamento de Benestar Social do Concello de Gondomar, Francisco Ferreira, a que faga un seguimento puntual e constante das empresas para evitar que ningún/ha estudante do noso concello quede a medio comer, ou que a comida escasee.
Lavalouzas sen uso.
Tamén nos resulta incomprensible, a quen fomos responsables da área de Benestar Social, que despois do esforzo realizado para que todos os centros escolares con comedor tivesen un lavalouzas, a día de hoxe estean todos parados e sen servizo activo. Esta mellora implicaba unha maior hixiene da louza onde diariamente se sirve a comida dxs nenxs, cun seguimento e cunha supervisión permanente da hixiene dos comedores escolares, polas persoas que coidan da alimentación dxs alumnxs dos centros. Tamén implicaba que o persoal que atende as comidas tivese unha maior carga horaria de traballo. Así estaba contemplado nos acordos establecidos coas empresas que proporcionan as comidas.
Unha simple reunión coas profesionais que atenden os comedires para explicar o funcionamento dos lavalouzas sería suficiente para botalos a andar. Pois resulta que nin iso fixo o Sr. Alcalde; ata aí chega a súa desidia. Para Paco Ferreira a educación e benestar dxs nenxs, así como a conciliación familiar, non lle importan nada. Este goberno prefire ter este importante servizo bloqueado ata o día de hoxe.
En Gondomar, a 15 de novembro de 2018
Rocío Cambra Castro,
Concelleira de Manifesto Miñor.