O Pleno da Corporación Municipal de Gondomar aproba por unanimidade a proposta de construír na vila ou na súa contorna un parque de autocaravanas

Foi necesaria máis dunha hora debate para demostrar e convencer, sobre todo ao grupo de goberno e ao propio Alcalde, da necesidade desta infraestrutura e dos importantes beneficios que poden conlevar para economía local, pois significa poñer Gondomar no mapa e nos GPS dos máis de 15 millóns de autocaravanistas que existen en Europa. Finalmente, a moción de Manifesto Miñor para a instalación dunha área de autocaravanas en Gondomar foi aprobada.

 

As autocaravanas, se xa eran unha forma de viaxar ou de facer turismo cunha importante implantanción en Europa e no propio Estado Español, con máis de 54 000 usuarios (en Galicia pasan dos 3000), coa pandemia provocada pola COVID-19 e o cambio nos hábitos no lecer dos cidadáns que agora buscan tranquilidade, visitar lugares de interese ou fuxir das zonas de turismo masivo, está facendo que o uso das autoravanas se estea incrementando de forma expoñencial. Todos coñecemos a alguén, ou nós mesmos, que fai das autocaravanas a súa forma de viaxar en vacacións.

 

No debate plenario do pasado xoves, o esforzo argumental de Manifesto Miñor tivo que centrarse en demostrar obviedades como que un parque para autocaravanas non é un camping, ou que os servizos que se prestan no mesmo son pagados polos usuarios; que son instalaciñons que teñen que estar moi próximos ás vilas para que o impacto económico sexa real e o servizo completo, ou que as persoas que máis usan este tipo de lecer soen ser familias con nenos, xubilados… Que Gondomar que ten unha situación de privilexio para un parque de autocaravanas por estar no centro  xeográfico dunha grande área proxima a praias, montes, ríos, eventos culturais relevantes, con patrimonio de todo tipo, etc.

 

Ao final conseguimos as portas do Concello para que Gondomar poida contar, máis pronto que tarde, cun parque de autocaravanas, céntrico, moderno e seguro. Estamos convencidos de que se trata dunha boa nova. Dende xa, Manifesto Miñor estará pendente de que o aprobado polo Pleno se cumpra e non quede nunha moción aprobada máis que acaba no caixón.

 

En Gondomar, 10 de abril de 2021.

Asdo.: Antonio Araújo Quintas.

Voceiro de Manifesto Miñor.

Abril 11, 2021

Etiquetas: , ,