En Marea reúnese coas Comunidades de Montes do Val Miñor

A candidata por En Marea á provincia de Pontevedra, Iris Malvido, reuniuse esta mañá coas Comunidades de Montes de Couso, Chaín, Sabarís, Vincios, Peitieiros, Camos e Borreiros para tratar as problemáticas referentes aos montes veciñais da provincia de Pontevedra.

Nesta xuntanza chegouse a cinco grandes conclusións, aceptadas por todos os presesntes, tanto por En Marea como polas Comunidades de Montes (CCMM).

– Recoñecemento da titularidade de monte veciñal. Concepto claramente diferenciado do público e do privado, pero con status en pé de igualdade con eles. Esta titularidade debe implicar o recoñecemento dun marco de protección das comunidades de montes, onde o riscos derivados do uso social e da utilización das CCMM sexan asumidas polo Estado e pola Xunta de Galicia.

– Eiminación do imposto de sociedades e transferencia de competencias a Galicia para a creación dunha lei de fiscalidade adaptada ás singularidades das CCMM, e negociada coas mesmas. Entre outras peculariedades á que a reinversión se poda facer en máis ámbitos dos que están recoñecidos, sempre o que seu uso sexa dentro do propio monte(Recursos humanos, instalacións,…etc.), así como unha ampliacións dos prazos de reinversión que permitan unha planificación dos montes veciñais a longo prazo.

– Revisión da Lei de Costas e recoñecemento dentro da mesma lei da singularidade do status das comunidades de montes, de xeito que as CCMM non perdan a titularidade e sigan sendo de xestión veciñal.

– Modificación do Decreto CO2, para que a captura do CO2 contemple todas as masas existentes, non só aquelas plantadas, que os bonos favorezan a xestión dos montes e os montes diversificados e que a modificación do decreto se faga en base a criterios ecolóxicos e sostibles.

– Potenciar o coñecemento da cidadanía sobre o monte veciñal xunto cunha posta en valor do mesmo.

En Marea, e a candidata Iris Malvido, comprométense a levar todas estas reivindicacións ao Congreso dos Deputados en Madrid, e a traballar conxuntamente para que social, política e xuridacamente, os montes veciñais sexan recoñecidos e protexidos en base ao anteriormente exposto.

Gondomar, 20 de abril de 2019.

En Marea

Abril 20, 2019