A APLU retira as demandas contra as persoas propietarias de vivendas con licenza, como lle instou Antonio Araújo dende a Concellería de Urbanismo

Hoxe diferentes medios de comunicación publican a retirada por parte da Xunta das denuncias feitas pola APLU contra unha serie de licenzas de obra concedidas polo Concello de Gondomar entre os anos 2016-2018. As devanditas licenzas foran concedidas nas chamadas “Áreas de Tolerancia” que rodean os Núcleos Rurais delimitados, e tiñan unha profundidade fixa de 40m. 

A normativa aplicada vén recollida na Orde 14/5/191 de 14 de maio Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, ao ser Gondomar un concello sen planeamento e esas normas de obrigada aplicación

Dende a parte que me toca, que é moita, pois fun o responsable directo desas licenzas por ser entre 2015 e 2018 o concelleiro de urbanismo, e polo tanto quen as asinou e propuxo a súa aprobación á Xunta de Goberno Local, non podo estar máis satisfeito por esta nova e polas persoas que hai detrás desas licenzas e que tan mal o pasaron. Pero sobre todo estou agradecido xs funcionarixs do Departamento de Urbanismo polo traballo rigoroso e axustado á legalidade que fixeron e que hoxe tanta tranquilidade nos dá.

Quen me coñece sabe que para min as medallas polo traballo que teño a obriga de facer non teñen importancia pero, a veciñanza debe coñecer o traballo que facemos os seus representantes nas institucións, tanto cando gobernamos coma cando estamos na oposición, e que para o grupo político do que formo parte sempre puxemos por diante da propaganda ou beneficio partidario, a solución dos problemas da veciñanza

Alégrome de que por fin na Xunta de Galicia (APLU) se vaia impoñendo o sentido común deixen de perseguir ao Concello de Gondomar, e que tamén poñan por diante dos intereses políticos, ou da tentación de esmagar ao contrincante, o interese xeral dos/as cidadáns/ás… e se queren perseguir aberracións urbanísticas teñen traballo abondo sen ir moi lonxe de Gondomar.

Por último, dende Manifesto Miñor instamos ao Sr. Alcalde a demandar á Xunta para que pague polos danos e prexuízos (incluso morais) que lle fixo ás persoas afectadas e que tiñan a súas licenzas de obra totalmente en regra.

En Gondomar, a 16 de setembro de 2020.

Asdo.: Antonio Araújo Quintas

 

Setembro 16, 2020

Etiquetas: , ,