Visita institucional de Luís Villares ao Concello de Gondomar
No día de hoxe, recibimos en Gondomar voceiro de En Marea e xefe da oposición no Parlamento galego, Luís Villares, a fin de manter unha xuntanza de traballo co Grupo de Traballo Municipal de Manifesto Miñor. Durante o encontro, puxemos sobre a mesa varios asuntos que, para a cidadanía de Gondomar, son prioritarios para as veciñas e os veciños do noso concello e da comarca. Entre as cuestión que tratadas, están as seguintes:
1º) Polígono d’A Pasaxe
Dende Manifesto Miñor apostamos por impulsar definitivamente a urbanización do polígono d’A Pasaxe. Porén, transmitímoslle a Luís Villares respecto do compromiso da Xunta e de Zona Franca co desenvolvemento da primeira fase do proxecto, pois levan tempo ignorando as reivindicacións do empresariado. Malia os pasos que demos neste goberno, hai que traballar en común para conseguir o consenso de tódalas partes implicadas e, lamentablemente, a Comunidade de Montes de Vincios, propietaria dos terreos, foi expulsada do proceso. Polo tanto, precisamos de máis implicación da Xunta e de Zona Franca para restituír o diálogo, chegar a acordos e conseguir que A Pasaxe se converta no motor económico do Val Miñor.
2º) Proxecto de mellor da seguridade viaria da PO-331
O proxecto de mellor da seguridade viaria da PO-331 en Vincios non parece viable. Cremos que a solución pasa pola supresión da peaxe na autoestrada do Val Miñor (AG-57). A eliminación da peaxe na AG-57 é unha vella reivindicación da veciñanza do Val Miñor que se reactivou nos últimos tempos a propósito do proxecto de mellora da seguridade na PO-331 ao seu paso pola parroquia de Vincios.
O discurso de Manifesto Miñor sempre foi claro neste sentido e así llo transmitimos ao voceiro de En Marea: se o que se pretende é realizar melloras na PO-331 o primeiro que hai que facer é tratar esa estrada como unha vía urbana e liberalizar a autoestrada de peaxes para reducir e aliviar o tránsito. Unha ordenación eficiente da circulación do Val Miñor pasa por mellorar a comunicación na comarca pasa por deixar libre de peaxes unha autoestrada hoxe infrautilizada.
3º) Transporte público de viaxeirxs
Xs compañeirxs que asistiron ao encontro con Villares explicáronlle a situación precaria e deficitaria do transporte público no concello e, en xeral, en todo o Val Miñor. Esta situación tense agravado nos últimos anos coa redución de liñas e frecuencias, autorizada pola Xunta de Galicia, e pola decisión arbitraria da conselleira de infraestruturas, Ethel Vázquez, de non estudar a entrada de Gondomar no Plan de Transporte Metropolitano. O goberno autonómico non pode seguir actuando por revanchismo político e utilizar un tema tan importante como o transporte público como un castigo.
4º) Serra do Galiñeiro
A protección da Serra do Galiñeiro, cuxa riqueza ecolóxica e etnográfica é indiscutible, debe ser unha prioridade. Precisamos o compromiso do Parlamento galego para conservala e poñela en valor e impedir a colocación dun parque eólico na súa ladeira.
5º) Centro de saúde
Despois de anos de parálise, as obras do centro de saúde retomáronse nos últimos meses para poder inauguralo pouco antes das eleccións municipais. Con todo, pouco ten que ver este centro de saúde co proxectado inicialmente: hai menos consultas e menos profesionais. Manifesto Miñor trasladou a Luís Villares a preocupación polo peche de consultas durante o verán e, sobre todo, polas carencias en pediatría, onde faría falla unha segunda consulta.
Todas estas cuestións foron recollidas polo voceiro de En Marea e darlle traslado ao Parlamento de Galicia para que o goberno do Partido Popular na Xunta actúe e solucione os problemas da veciñanza de Gondomar e do Val Miñor.
En Gondomar, 04 de outubro de 2018.
Comunicación Manifesto Miñor