Unha vila sen comercio local, nin é humana, nin é sustentable. Carta aberta ao alcalde de Gondomar

O papel aguanta todas as infografías e debuxos que lle bonten. A realidade xa se verá. Que a Praza Rosalía de Castro precisa unha reforma importante, ninguén o discute. Agora ben, calquera especialista honesto nos dirá que as humanizacións de espazos urbanos son actuacións complexas e sensibles que requiren estudos previos tipo  DAFO… e sobre todo un proceso de escoita aos veciños e comerciantes da zona, cousa que D. Paco Ferreira non fixo pois el é máis de impoñer o seu criterio como na Pza da Paradela que a día de hoxe é un espazo morto e hostil. Quero dicir con isto que cada vila, cada cidade… ten a súa dinámica propia e rompela sen dar alternativas, como é o caso, pode supoñer a súa creba definitiva. Abonda con facer a compra na Vila ou falar coas persoas que teñen negocios nela pra entender isto. Eu levo facendo isto toda a miña vida e seino de primeira man. Sr. Alcalde, a pregunta é moi sixenla: A que veu no pasado e a que vén hoxe a xente a Gondomar?. A resposta cae de caixón. A VILA DE GONDOMAR TEN UNHA OFERTA COMERCIAL E DE SERVIZOS de moitísima calidade, moi variada e nun espazo cómodo relativamente pequeno. Por exemplo, na Pza Rosalía de Castro e contorna, nun radio de 100mts, temos dúas tendas de ultramarinos, catro centro centros de perruquería e beleza; unha xestoria, unha libraria, dúas lavanderias, dúas tendas de roupa, unha froitaría, unha tenda naturista, un centro de fisioterapia, unha reloxaria, unha tenda de produtos agropecuarios, un clínica veterinaria, unha clínica dental, unha ferraxaría, un centro de fotografía, sete bares e un restaurante, unha drogueria, unha tenda de conxelados, dúas peixarías e, por suposto a propia Pza de Abastos coa súa oferta específica. É dicir, estamos a falar dun espazao que concentra máis do 40% do comercio local, e en consecuencia é parte fundamental do motor económico da Vila. Pois ben, co peche ao tránsito rodado sen alternativas de aparcamento para clientes e residentes, a vida comercial da zona vai ter serios problemas pra se desenvolver, a maiores doutras problemáticas de caracter máis xeral que xa lle están afectado. Moitos deses negocios veránse abocados ao peche inmediato e outros aguantarán até a xubilación de seus donos xa que nesas nesas circunstancias o relevo xeracional é imposible… Por non falar do efecto perverso das chamadas humanizacións que provocan unha suba automática dos aluguerios das vivendas desas zoanas expulsando delas ás persoas con menos recursos. A única maneira de evitalo é mantendo viva a actividade comercial e os servizos da zona. Ten sentido chamar “humanizacións” a reformas que expulsan ás persoas das vilas obrigándoas a ir en coche aos macrocentos comerciais producindo o triple de CO2? Por último, pretende Vde. tomarnos o pelo coa milonga dos catro meses de duración dunhas obras de grande complexidade, como pasou na R/Manuel Alonso (50mts/l), que dos tres meses previstos pasaron a máis de seis. Por certo, vaille baixar as taxas e os impostos polo tempo que duren as mesmas aos comercios afectados, aos que resitan e  non pechen antes?.

Vólvelle insistir Sr. Ferreira, fale cos comerciantes da Praza Rosalía de Castro, mellor cos  de toda a Vila,  que aínda está a tempo de evitar o crack. A non ser que prefira Vde. que vaiamos mercar ás multinacionais do Porto do Molle ou de Vigo e que a Vila de Gondomar se converta nun grande e fermoso dormitorio sen vida.

 

En Gondomar, a 7 de abril de 2022.

Asdo.: Antonio Araújo Quintas.

Concelleiro no Concello de Gondomar.

Abril 7, 2022

Etiquetas: ,