Solidariedade co pobo saharauí sempre!
O Concello de Gondomar, e principalmente a súa veciñanza, de sempre fomos solidarios co Pobo Saharauí: o Concello, dende a Institución municipal, achegando recursos económicos e mesmo apoio político á causa deste pobo, e a veciñanza abríndolle a porta das súas casas a centos de nenos e nenas saharauís para que poidan pasar as súas “vacacións en paz” en Gondomar. Até aquí os nosos parabéns e apoio total a labor que, tamén dende este goberno, se está a facer polo pobo saharauí.
Agora ben, a solidariedade debe ter o límite na ética do que se ofrece e, se cadra tamén, en como se dá. O que non serve para nós, dificilmente pode servir para os demais, por moito despregue mediático ou propaganda que se faga dunha donación. Disto sabe moito Don Paco Ferreira, e puidemos comprobalo onte coa abundancia de titulares de prensa, fotos, videos, etc., a respecto da donación feita dende o Concllo de Gondomar ao Pobo Saharauí.
A simple vista, doar dous camións e unha furgoneta pode parecer unha acción certamente xenerosa; agora ben, dende Manifesto Miñor preguntamos (e preguntaremos no Pleno) as seguintes cuestións ao goberno “socialista” do señor Ferreira: Eses vehículos pasaron a ITV ? Foron revisados antes e están en perfecto de funcionamento? Se se avariasen unha vez chegados ao seu destino, contemplouse a posibilidade de reparación e, nese caso, vai o Concello colaborar na mesma? Responder a estas preguntas é fundamental para saber o alcance da solidariedade pregoada, pois estamos a falar de vehículos que, algún deles, anda cerca dos 40 anos e pasa dos 400.000km. Sería unha estafa e unha burla escasamente solidaria enviarlle aos saharauís uns vehículos que, á primaira avaría, quedarían reducidos a unha morea de chatarra no medio do deserto.
En Gondomar, a 19 de marzo de 2021.
Asdo.: Antonioo Araújo Quintas.
Voceiro de Manifesto Miñor.