SOBRE OS USOS DE HERBICIDAS CON GLIFOSATO NO CONCELLO DE GONDOMAR (moción)

Cada ano, moitos municipios empregan herbicidas de acción rápida para eliminar o que veñen denominándose “malas herbas”, por mantemento dos espazos ou de cara á prevención de incendios forestais. Pero o uso de herbicidas químicos pode ter riscos moi serios.

O Glifosato, compoñente dos herbicidas de uso máis estendido, ten efectos moi tóxicos sobre a saúde e o medio ambiente

Diferentes estudos demostran que o Glifosato, compoñente dos herbicidas de uso máis estendido como o Roundup e outras marcas comerciais, ten efectos moi tóxicos sobre a saúde e o medio ambiente.

O glifosato, un herbicida total non selectivo que se emplea para matar herbas e arbustos, infíltrase no solo, é moi soluble na auga, e persistente no solo. Contamina os acuíferos, é tóxico para a fauna acuática, os animais domésticos ou o gando, e esparéxese sen control polo subsolo.

Danos xenéticos, trastornos reprodutivos…

Existen estudos científicos que relacionan o uso do glifosato con afeccións e enfermidades. Entre os efectos adversos deste principio activo describíronse toxicidade subaguda e crónica, danos xenéticos, trastornos reprodutivos, aumento da frecuencia de anomalías espermáticas, e carcinoses. Ademais, cada preparado herbicida que contén glifosato vén acompañado doutras sustancias que facilitan a súa absorción y que multiplican a súa toxicidade. Entre estes ingredientes están o N-­‐‑nitroso glifosato que, como outros compostos nitroxenados, son canceríxenos, e o formaldehido, outro carcinóxeno coñecido que se forma durante a descomposición do glifosato.

O glifosato probable carcinóxeno

Recentemente a International Agency for Research on Cancer pertencente á Organización  Mundial da Saúde incluíu como probables carcinóxenos a unha serie de pesticidas organofosfatados, entre eles o glifosato: https://monographs.iarc.fr/ENG/Classification/

Así, atopámonos co feito de que a aplicación dun herbicida como o glifosato en espazos públicos constitúe un risco ao que se somete á poboación, aos traballadores municipais que o empregan, ao gando, á flora e fauna, ou ao chan e ás augas, dada a súa toxicidade.

A Directiva marco para un uso sostible dos praguicidas, aprobada polo Parlamento Europeo o 13 de xaneiro de 2009, no seu Capítulo IV, artigos 11 e 12, expón que: “ʺOs Estados membros, tendo debidamente en conta as medidas apropiadas para a protección do medio  acuático, a auga potable e os requisitos necesarios de hixiene e saúde pública e a biodiversidade, ou os resultados das avaliacións de risco pertinentes, velarán porque se minimice ou prohiba o uso de praguicidas nas seguintes zonas específicas:

  • Ao longo das estradas […].
  • Nos espazos utilizados polo público en xeral, ou por grupos vulnerables, como os parques, xardíns públicos.
  • Campos de deportes e áreas de recreo.
  • Recintos escolares e campos de xogo.
  • Espazos próximos aos centros de asistencia sanitaria.

A devandita directiva foi trasposta no Real Decreto 1311/2012, que establece o marco de actuación para conseguir un uso sostible dos produtos fitosanitarios, e que ten como obxectivo a redución dos riscos e os efectos do uso dos produtos fitosanitarios na saúde humana e o medio, e o fomento da xestión integrada de pragas e de formulacións ou técnicas alternativas, tales como os métodos non químicos.

Este Real Decreto contempla que as súas disposicións “ʺse entenderán sen prexuízo de que a Administración competente en cada caso poida aplicar o principio de cautela limitando ou prohibindo o uso de produtos fitosanitarios en zonas ou circunstancias específicas”ʺ.

Ademais das anteriores, o marco xurídico para a aplicación de herbicidas e praguicidas complétase coas seguintes normas:

  • Directiva Marco sobre a Agua (Directiva 2000/60/CE do Parlamento Europeo e do Consello).
  • Directiva Aves (Directiva 2009/147/CE do Parlamento Europeo e do Consello).
  • Directiva Hábitats (Directiva 92/43/CEE do Consello).
  • Lei 33/2011, do 4 de outubro, Xeneral de Saúde Pública.

Francia estúda a posibilidade de prohibir a súa venda

Xa son moitos os gobernos e autoridades que están a limitar ou abandoar o seu uso. Actualmente en Francia estúdase mesmo a posibilidade de prohibir a súa venda.

Diversas deputacións e numerosos municipios do estado español tamén están a limitar ou erradicar o uso de herbicidas e de glifosato debido aos impactos ambientais e sobre a saúde dos seres vivos.

En Galicia concellos como Ames, na Coruña, ou Ponteareas, declaráronse libres de herbicidas químicos, e outros como Marín, Poio ou Arzua xa aprobaron esta moción.

Cidades como Madrid, Barcelona, Badalona, Sevilla, Logroño ou Zaragoza aprobaron recentemente deixar de usar glifosato. No MAPA #LibresDeGlifosato pódense ver todos os concellos onde se presentaron e aprobaron mocións. (buscar : Mapa #LibresDeglifosato nun navegador)

Por todo o exporto, propón ao Pleno da Corporación os seguintes ACORDOS:

  1. Consciente dos efectos negativos que o uso de herbicidas con glifosato levan consigo para a saúde pública, que afectan ou poden afectar á saúde das persoas e ao medio (co impacto resultante nos sectores produtivos como a apicultura, agricultura e a destrución do emprego e da actividade económica local) e tomando como referencia a Directiva marco para un uso sostible dos praguicidas e o Real Decreto 1311/2012 polos que se establece o marco de actuación para conseguir un uso sostible dos produtos fitosanitarios, o Pleno do Concello de Gondomar acorda non autorizar o uso dos herbicidas con glifosato en todo tipo de lugares públicos do municipio, e substituír estes produtos por métodos mecánicos e/ou biolóxicos non contaminantes, que non danan a saúde nin o medio.
  2. Nos casos concretos de conflito, o Concello solicitará por escrito ás entidades implicadas na aplicación de herbicidas que en virtude do Real Decreto 1311/2012 empreguen métodos de control alternativos, non químicos.
  3. Asemade este Concello dirixiráse, á maior brevidade posible, á Consellaría de Transportes e Medio, e ao Ministerio de Fomento, solicitando o abandono inmediato do uso de herbicidas derivados do glifosato no tratamento das cunetas da rede viaria que pasan polo noso termo municipal, para que a
    protección da saúde das persoas e o medio sexa realmente efectiva.
  4. O Concello comprométese a informar deste acordo a todos os colectivos e entidades políticas, sociais e veciñais existentes no municipio para evitar tamén o uso doméstico de herbicidas con glifosato.

Non autorizar o uso dos herbicidas con glifosato en todo tipo de lugares públicos do municipio

Xuño 2, 2016

Etiquetas: ,