Publicidade machista en Gondomar
O contido que se anuncia dende os paneis publicitarios depende da empresa propietaria da valla
Hai dous días amencía Gondomar cun panel publicitario que suscitou bastantes críticas e opinións diversas. Dende Manifesto Miñor consideramos necesario facer unas breves anotacións: O contido que se anuncia dende os paneis publicitarios non depende do Concello, senón da empresa propietaria da valla. Isto quere dicir que ningún membro do concello deu autorización para que esa publicidade figurase onde está. Isto non quita que sexa o deber do Goberno avanzar na mellora dos espazos públicos, así como atender as queixas formuladas polas veciñas e veciños; por esa razón, solicitamos ao Sr. Alcalde e á concelleira de igualdade información sobre o asunto é que actuasen de inmediato: no día de onte, o persoal do concello, despois do informe do servizo xurídico municipal, procedeu á retirada do anuncio.
O deber do Goberno avanzar na mellora dos espazos públicos, así como atender as queixas formuladas polas veciñas e veciños.
En calquera caso, o problema principal do panel non é só o contido; máis alá do deseño, o certamente grave é que está publicitando un prostíbulo, inda que utilice para facelo o eufemismo night club. Sabemos que este é un debate controvertido, no que se defenden e atopan diferentes posturas.
Porén, gustaríanos chamar á reflexión sobre o feito de que a publicidade presenta os seus produtos dende a perspectiva de facelos máis desexables e persuadir x cliente a consumir. Neste caso, a través de actores e actrices do mundo da pornografía (non entraremos tampouco no rol da muller na pornografía mainstream, producida dende o cisheteropatriarcado por e para homes) anunciase un lugar no que, de entrada, só podemos intuír a súa actividade e non temos garantías do modo en que as traballadoras desenvolven esa actividade.
O problema non é o que vemos; a nudez non é per se agresiva. O problema é o que sabemos; o fondo da cuestión é como se emprega un eufemismo para esconder a realidade e como se utiliza o subterfuxio para dar visos de legalidade á prostitución.
Cómpre tamén recordar que a prostitución carece de regulamento que a aborde adecuadamente, deixando, en moitos casos, e principalmente ás mulleres, en situación de desprotección. É por esta razón pola que consideramos que a súa promoción non parece o máis acaído e é por esta razón que demandamos a retirada do cartaz.
Queremos, por último, deixar constancia da norma 10ª do Código de Conducta Publicitaria e convidar á reflexión colectiva:
“A publicidade non debe suxerir circunstancias de discriminación, xa sexa por razón de raza, nacionalidade, relixión, sexo ou orientación sexual, nin atentará contra a dignidade da persoa. En particular, evitaranse aqueles anuncios que poidan resultar vexatorios ou discriminatorios para a muller”.