Presentación da candidatura de Manifesto Miñor – En Marea

O venres, día 10, ás 20,30hs, no Auditorio Municipal “Lois Tobío”, Manifesto Miñor-En Marea presentará a súa candidatura ás vindeiras eleccións muncipais de Gondomar. Trátase dunha candidatura na que repiten nos tres primeiros postos os actuáis concelleiros de Manifesto Miñor, seguidos de persoas de todas as parroquias con experiencia política, e, sobre todo, con  implicación social en diferentes activimos: movemento feminista e LGTBIQ+, comunidades de montes, asociacións de veciños, ANPAS, defensa da sanidade pública, ecoloxismo, defensa dos dereitos dos animais, cultura, defensa das pensions, etc. Cómpre destacar a presenza de mozos e mozas menores de 20 anos, coas súas reivindicacións específicas: falta de alternativas laborais, que os obriga a seguir emigrando, a carencia de transporte público para moverse ou para acceder á UVIGO, un ocio que conte coa súa opinión, etc.

Nas  eleccións do 26 de maio, como se ve ás claras nesta longa campaña eleitoral, están enriba da mesa dous modelos de facer e de entender a política municipal: dun lado, o modelo do actual alcalde que exerce como delegado e/ou administrador da Deputación Provincial, incapaz de establecer consensos e con nula  xestión municipal, baseado na propaganda e en actuacións cosméticas deixando fóra os servizos e problemáticas básicas, como son o saneamento, o transporte, o PXOM, etc. Do outro, o modelo que propón Manifesto Miñor e Antonio Araújo para un concello comprometido coa participación e co diálogo, de tal xeito que sexa a cidadanía quen propoña as liñas estratéxicas e os proxectos de futuro. Isto quedou claro na explicación e tramitación do PXOM, ou coa rede de saneamento que se levou  ás parroquias co Plan E,  aprobación inicial do Regulamento de Participación veciñal, ou paseo fluvial cuxo proxecto está feito, etc.

Na presentación, ademais do Candidato a Alcaldía de Gondomar, Antonio Araújo, e todas as persoas que forman parte da candidatura, intervirá o voceiro nacional de En Marea, Luis Villares.

En Gondomar, decidimos xunt@s… e ti tamén!


Maio 9, 2019

Etiquetas: , , , ,