Posicionamento do Manifesto Miñor sobre a renuncia do Alcalde de Baiona
Desde Manifesto Miñor queremos manifestar a nosa opinión en relación coa decisión do, ata o de agora, alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña, de abandonar a alcaldía por un posto como Conselleiro de Sanidade na Xunta de Galicia.
O seu único interese era o ben de Baiona
Sabíamos que o seu proxecto para Baiona estaba esgotado e esta decisión ven a darnos a razón. O Sr. Almuíña mentía en campaña cando dicía que o seu único interese era o ben de Baiona. Poucos meses despois das eleccións municipais vulnera o seu compromiso como alcalde polos catro anos de lexislatura.
Desde Manifesto Miñor vemos nesta decisión unha mostra máis do uso da política como fin persoal e non como servizo á cidadanía; consideramos que unha persoa non pode deixar o cargo polo que foi escollido por outro cargo político e menos aínda un alcalde, coa responsabilidade que o seu posto implica. O Sr. Almuíña, vaise a Santiago a salvarlle os mobles ao presidente Feijóo e á súa desastrosa política en materia de sanidade, deixando de lado os intereses dos baioneses e das baionesas.
Os baioneses e baionesas ben merecen un alcalde que teña palabra
Sobre a elección do seu primo, Ángel Rodal, como novo alcalde de Baiona non temos moitas expectativas; gustaríanos ilusionarnos con novas políticas non presidencialistas, preocupadas polo aspecto social e colaborando cos veciños e veciñas de Baiona, pero estamos seguros que esas políticas nunca chegarán dun proxecto esgotado e corrupto encabezado polo Partido Popular. Os baioneses e baionesas ben merecen un alcalde que teña palabra e que se preocupe polos serios problemas de Baiona e non polos problemas do Sr. Feijóo ou pola súa carreira política.