Poñer o carro diante dos bois: sobre o Polígono d’A Pasaxe.
O pasado domingo os medios de comunicación daban a nova do anuncio feito polo Sr. Alcalde de Gondomar sobre o Polígono Industrial d´A Pasaxe, segundo o cal os trámites da primeira fase da ordenación do mesmo estaban listos e as maquinas a punto de entrar a traballar na ordenación. Sobre o papel pode ser pero, lamentablemente, nada máis lonxe da realidade.
Quen me teña seguido neste asunto tan importante para o futuro de Gondomar, saberá da miña discreción e coidado no tratamento do mesmo en aras do consenso e de seguir escrupulosamente as indicacións das complexas normativas e da propia Lei do Solo. Pero á vista de semellante e truculento anuncio non podo calar: XA ABONDA. O Alcalde debe deixar de xogar coas expectativas e as necesidades das empresas e dos traballadores do Polígono Industrial d´A Pasaxe! Malia o rechamante dos titulares de prensa, os señores que saen na foto NON APROBARON NADA, como moito estarán de acordo entre eles, e paréceme ben, co proxecto de “Reparcelación e Distribución de Cargas”, pero quen aproba provisionalmente ese documento é o Pleno da Corporación Municipal de Gondomar.
O señor Ferreira anuncia a urbanización do Polígono en plena precampaña sen deixar claro como se vai financiar.
Por outra banda, anunciar unha aprobación tan complexa para Pascoa é unha irresponsabilidade, xa que antes están as publicacións nos diferentes boletíns oficiais, unha exposición pública dun mes, posibles alegacións, recursos, contestacións, etc. Con todo, a irresponsabilidade maior é anunciar un proxecto deste calibre, dun custe mínimo de 4 millóns de euros, sen dicir quen o vai financiar ou canto lle vai custar a cada empresa ou a cada propietario de parcelas (sistema de cooperación), incluída a CCMM de Vincios, que integran esa 1ª fase. Iso É UN ENGANO.
Por último, deixar ao albur da Xunta de Galicia, así sen máis, a ver se “cae” algunha subvención para rebaixar custes, é o sumun da ineficacia na xestión municipal á que nos ten acostumadxs o Sr. Ferreira, que o único que busca son fotos e vender fume a conta do que sexa. Quen vai poñer a parte proporcional daquelas empresas en quebra, ou dos propietarios que non poidan facelo por falta de recursos financeiros?. Porque non fixo o Sr. Alcalde (responsable da área de economía e facenda municipais) unha reserva de crédito, ou calquera outra fórmula legal, dun mínimo de 500 000€ como se lle dixo dende Manifesto Miñor (está publicado) para atender dende o Concello esas posibles continxencias?. Isto si que lle daría credibilidade á mensaxe.
Se de verdade lle interesara ao Sr. Alcalde o Polígono Industrial d´A Pasaxe, máis aló da propaganda preelectoral, tiña que estar día si e día tamén petando nas portas da Consellaría de Industria, Deputación, Ministerio, etc., para conseguir o custe mínimo da urbanización do polígono, e poder aumentar expoñencialmente, tanto o número de empresas como de traballadorxes. Iso é o que fixemos outros cando nos tocou: lembrade os 12 millóns de euros iniciais da Conselleira Teresa Táboas que despois o cambio de goberno na Xunta esqueceu.
Gondomar, 19 de marzo de 2019.
Antonio Araújo Quintas.
Concelleiro/portavoz de MM.