Pleno extraordinario para a aprobación dos núcleos rurais de Penalba, San Roque e Prado

Antonio Araujo
[Comunicado do compañeiro, Antonio Araújo, Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente]

Despois da incompresible actuación dos grupos da oposición na Corporación Municipal de Gondomar impedindo a aprobación da delimitación de  núcleos proposta polo Goberno Municipal no pasado pleno ordinario do día 1 de xuño, e dado que seica o problema era a falla de tempo (malia que os núcleos estiveron expostos na web municipal catro meses) para poder revisar os expedientes, o Goberno Municipal vén de convocar xs voceirxs dos grupos municipais para o vindeiro martes  día 13, ás 12hs, a unha xuntanza para lles explicar ou aclarar as dúbidas ao respecto, e dado que se trata de documentos exclusivamente técnicos, a esa xuntanza asistirán o persoal técnico municipal que redactou as devanditas delimitacións.

A celebración do Pleno Extraordinario para volver a tratar a aprobación dos núcleos de Penalba, San Roque e Prado está previsto para o luns día 19 de Xuño ás 20hs.

Polo ben da veciñanza afectada dos devanditos núcleos (construción de vivendas novas, legalizacións para poder vender ou resolver cuestións hipotecarias, legalizacións de aumentos, resolver expedientes de derrubamento da APLU, etc.) agardamos que os grupos da oposición deixen de usar o urbanismo como arma de confronto político e actúen responsablemente en favor do ben común.

 

Antonio Araúxo Quintas

Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente.

Xuño 10, 2017

Etiquetas: ,