Paralizada a adxudicación do contrato da recollida dos RSU do Concello de Gondomar
As dúbidas e as advertencias feitas por MM no pleno do 18 de outubro, vénse agora confirmadas polos recursos interpostos por dúas das empresas participantes no concurso: falta de transparencia e un informe de parte.
ANTEDECENTES: Paco Ferreira leva adiante unha adxudicación do contrato de recollida de RSU con moitas dúbidas legais.
O 30 de agosto de 2017, o Pleno do Concello de Gondomar aprobou cos votos do PSOE-PP-IxG, o “Prego de cláusulas administrativas particulares” (PCAP) e o “Prego de prescricións técnicas” (PPT) que ían rexer o concurso público para adxudicar a recollida de RSU do Concello de Gondomar. Todo isto por un montante inicial de 744.950.-€/ano (IVE incluído) e por un tempo de 4 anos prorrogables a dous máis.
A realidade do custe total que lle vai supoñer ás arcas municipais a adxudicación da recollida dos RSU, entre a recollida propiamente dita e o canon de SOGAMA, soborda os 1.125.000.-€/ano, cos incrementos que legalmente se recollen nos propios pregos de condicións que rexen o devandito concurso. É dicir, aproximadamente un 18% do orzamento municipal.
Entre o extenso articulado que conforma os devanditos pregos de condicións, no PCAP queda expresamente recollido en diversas cláusulas que a existencia de baixas anormais (baixas temerarias) deixaría fóra do concurso a aquelas empresas que incorran na mesmas.
FEITOS:Dúas empresas presentan cadanseu rescurso á dubidosa adxudicación.
Pois ben, como queira que houbo dúas empresas que incorreron en baixas anormais (FCC e GESECO), e que despois dun segundo informe de parte contratado polo Sr. Alcalde sen coñecemento da Mesa de Contratación á empresa TIRSE Ingenieros S.L. (ver dilixencia do Secretario Municipal, e actas da Mesa de Contratación nº 4, 13), a Mesa decide acéptalo e permitir a continuidade das devanditas empresas no concurso.
Este feito, xunto con outras dúbidas que MM puxo enriba da mesa antes e durante o Pleno de 18/10/2018 de adxudicación do contrato a FCC para que foran sometidas previamente á consideración do Alcalde e aclaradas a través do correspondente informe dos servizos técnicos ou xurídicos municipais (escrito presentado o 4/10/2018), parécenos inaudito. O señor ferreira negouse expresamente a aclararnos todas estas cuestións co argumento que toda a información estaba no expediente do Pleno, malia a lle facer a advertencia de que esas anomalías poderían producir consecuencias imprevisibles no proceso de contratación dos RSU de Gondomar.
A veciñanza de Gondomar segue cun servizo de recollida deficiente e o Punto Limpo nunha situación precaria.
Unha vez máis Paco Ferreira amosou a súa peor cara: a da arrogancia e a da incapacidade para o diálogo e o consenso políticos desprezando a nosa proposta. A partires dese momento, os atrancos no acceso á documentación que posteriormente reclamamos están sendo continuos, tendo incluso que pedir amparo á Valedora do Pobo por este feito.
O resultado deste xeito de entender o goberno municipal, está á vista: Dúas das empresas concursantes acaban de presentar cadanseus RECURSOS ESPECIAIS EN MATERIA DE CONTRATACIÓN CONTRA O ACORDO PLENARIO DE 18 DE OUTUBRO DE 2018, PERANTE O TRIBUNAL ADMINISTRATIVO DE CONTRATACIÓN PÚBLICA DA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA. Destacan neses recursos as empresas recorrentes, por unha banda, a denegación do acceso á documentación do expediente e, por outro, o informe, que nós consideramos de parte, de TIRSE Ingenieros S.L.
De entrada o resultado dos devanditos recursos, que son suspensivos, paralizaron a contratación en favor de FCC ata que o Tribunal os resolva. A pregunta é: que vai facer Paco Ferreira se o Tribunal anula todo o proceso de contratación?. A día de hoxe o proceso está suspendido automaticamente polo feito en si mesmo da presentación dos recursos, e, a maiores, o Tribunal vén de manter esa suspensión por medio dunha Resolución ditada o 15 de novembro ata a resolución definitiva do asunto. Os porqués do Alcalde para manter esa contratación a sabendas das nosas advertencias feitas por escrito e no pleno, sábeos el. De entrada serviulle como desculpa para a nosa expulsión do goberno municipal. Veremos como acaba o conto.
En Gondomar a 20 de novembro de 2018.
Asdo.: Antonio Araújo Quintas.
Voceiro do G.M. de Manifesto Miñor.