Paco Ferreira e Xunta discuten en diferido por un valo publicitario no canto falar para resolver o problema de transporte

A XUNTA DE GALICIA E O ALCALDE DE GONDOMAR ENCERÉLLANSE AGORA POR CAUSA DUN VALADO PUBLICITARIO NO CANTO DE POÑERSE A RESOLVER O GRAVE PROBLEMA DO TRANSPORTE QUE TEMOS.

Paco Ferreira e Xunta fan precampaña co transporte público no canto de poñerse a falar.

Para completar o sainete preelectoral no que anda metido Paco Ferreira (agora un autobús fantasma de Vitrasa a Vincios, agora un valado publicitario reclamando transporte digno), aparece a Xunta e súmase á melé cunha denuncia no contencioso pola colocación do devandito valado publicitario. No canto de axudar a resolver de vez un asunto que lle afecta a tantxs veciñxs (como é o servizo deficitario e terceiromundista de transporte que temos entre Gondomar e Vigo, de Gondomar co resto da Comarca ou entre as nosas parroquias), o Partido Popular participa no mesmo perigoso xogo electoralista do señor Ferreira, cuxas únicas prexudicadas son as persoas usuarias do transporte público do noso concello.

 

O Partido Popular na Xunta vén prexudicando á veciñanza de Gondomar por revanchismo político.

Lamentablemente da Xunta xa non esperamos moito, pois cada vez que decide actuar en Gondomar todo son pexas: ben cando nos afoga con Glifosato nas cunetas, ben cando usa a APLU indiscriminadamente para castigar a determinadas parroquias; cando pretende construír un macro tanque de bombeo de fecais no centro da Vila ou cando bota una eternidade para construír un novo Centro de Saúde que tiña que estar rematado no ano 2010, e que por riba é máis pequeno do proxectado inicialmente.

Dende Manifesto Miñor esixímoslle ao Sr. Alcalde e á Xunta de Galicia:
– ao primeiro que deixe de vender fume e vitimismo e que se poña a traballar en serio no problema do transporte, recuperando a posición inicial do goberno municipal: resolver o problema das concesionarias, achegar a parada do ATSA ao centro urbano e mellorar as frecuencias das dúas liñas que operan no noso concello.
– á Xunta de Galicia que atenda as demandas en materia de transporte da veciñanza de Gondomar, sen entrar nas liortas políticas curtopracistas e sen actitudes revanchistas; é dicir, que actúe coma unha Administración seria que representa a todas as galegas e galegos.

Todo isto soamente ten unha solución: un plan de transporte metropolitano que atenda non só os desprazamentos de entornos rurais ás cidades, senón tamén que resolva as deficitarias comunicacións entre os concellos e as parroquias do noso rural.

Novembro 17, 2018