Os chaleques amarelos seguimos defendendo os nosos montes
Foi no verán pasado que ducias de veciñxs de Gondomar decidimos sair aos montes a vixilar para evitar que plantaran lume neles. E fixémolo poñendo un chaleque amerelo como resposta á pasividade dos diferentes gobernos, máis preocupados no “negocio do lume” que na prevención; e fixémolo vestindo un chaleque amarelo por ser visible no monte a kilómetros de distancia, mais tamén, como un símbolo de rebeldía e compromiso.
Pero resulta que o perigo que axexa os nosos montes non só é o lume, con ser o máis “espectacular”, senón que hai outro tipo de negocios tan letais ou máis que as lapas, como poden ser a minaría a ceu aberto ou os propios parque eólicos que hoxe ameazan ás Serras do Galiñeiro e da Groba.
“Enerxía eólica si, pero non así”
Nos nosos montes hai outro tipo de valores e riquezas que non poden ser estragados en aras dunha enerxía chamada alternativa. Para moitos cidadáns as enerxías limpas teñen que selo dende a raíz e con principios éticos, e non un negocio mal disimulado que, ademais de destruir o noso medio natural, porriba non deixa beneficios alí onde se instala. Non se entende que enchan Galiza de parques eólicos (como no Franquismo de encoros) e teñamos unha das eletricidades máis cara de Europa, por poñer só un exemplo.
Os muíños de vento deben ser instalados, previo consenso coa sociedade e a comunidade científica, alí onde non estraguen outras riqueza existentes, e para iso igual antes de instalar novos parques, cómpre reponteciar os exitentes, fomentar e apoiar a autoproducción de enerxía solar e, obviamente, facermos un uso responsable de todas as enerxías, tamén da eléctrica.
Pola nosa parte seguiremos defendendo o monte e axudando a evitar esta nova agresión. Seguiremos na loita!
En Gondomar, a 4 de decembro de 2020.
Asdo.: Antonio Araújo Quintas.