Os castiñeiros: o futuro dos montes galegos

Facer do monte unha fonte de riqueza pasa por subvertir o actual paradigma curtopracista e dominado polas invasoras. Dúas son as actuacións a través das cales poderiamos conseguir que os nosos montes fosen realmente produtivos: por unha banda, substituir as grandes extensións dedicadas á plantación de eucalipto por árbores autóctonas que, no medio ou longo prazo, resulten moito máis rendibles (como o castiñeiro); por outra, a diversificación do terreo, como están a facer varias Comunidades de Montes Veciñais en Man Común da nosa contorna (por exemplo, a CM de Couso, e máis recentemente a CM de Vincios).

Diversos estudos teñen demostrado que o castiñeiro e a produción de castañas resultaría seis veces máis rendible que as actuais plantacións de eucaliptos, que ocupan gran parte dos nosos montes: “Un castañal de 15 anos correctamente atendido pode xerar un produto anual por hectárea de entre 6000 e 8000 euros, fronte aos 1000 ou 2000 que xera un eucaliptal do mesmo tamaño. Iso nada máis en castañas; a medio e longo prazo a madeira é un segundo ben rendibilizable” (ver artigo: As castañas son seis veces máis rendibles que os eucaliptos).

Hai que ter en conta, tamén, que é preciso avanzar cara explotacións conxuntas con cultivos de setas ou froitos do bosque. A Comunidade de Montes de Couso tense revelado como unha comunidade pioneira na diversificación dos montes en man común (ver o artigo: (ver artigo: Couso comercializa a súa primeira colleita de froitos do bosque). Outra das actividades cara á que se podería diversificar a producción é a apicultura, que, ademais, sería beneficioso para o desenvolvemento do castañal.

En definitiva, unha política forestal que aspire a protexer os nosos montes pasa por informar á cidadanía e ás comunidades de montes, responsables da xestión, sobre as distintas posibilidades, así como fomentar e incentivar outras formas de aproveitamento dos nosos montes. O casteiñeiro é o futuro.

 

Xaneiro 3, 2019

Etiquetas: , ,