O señor Ferreira pretende aprobar o taxazo do lixo entre turróns e panxoliñas

Gondomar, 23 de decembro de 2025.- Como vén sendo habitual con este goberno municipal, todas as cuestións importantes tramítanse ás présas, sen diálogo nin consenso e convocanto plenos extraordinarios sen dar tempo á oposición a revisar toda a documentación. A última das trapalladas de don Paco Ferreira foi a convocatoria dun Pleno extraordinario e urxente para o día 24 de decembro ás 10:00 horas coa finalidade de aprobar a ordenanza fiscal do servizo de recollida do lixo; o señor Alcalde pretende aprobala entre turróns e panxoliñas, tal vez coa intención de disimular o incremento do 74% que aplica en todas as taxas.

Malia que, de maneira intencionada, se intentou vender este período de exposición pública como un tempo de debate e diálogo para conseguir unha ordenanza fiscal máis xusta, a teimuda realidade veu demostrar que o señor Ferreira fuxe sempre do diálogo. Nin sequera tivo a ben xuntar aos voceiros da oposición para explicar semellante taxazo nin as modificacións que pretendía introducir na proposta definitiva da ordenanza do lixo; moito menos quixo resolverlle as dúbidas á veciñanza nunha xuntanza con asociacións, comerciantes, etc.

Das alegacións que fixemos tanto a veciñanza como os grupos da oposición só aceptou, a medias, un 10% de bonificación na taxa sempre e cando se acredite o uso do Punto Limpo un mínimo de 4 veces ao ano. O resto das bonificacións, ademais de seren rogadas, e dicir, a petición das persoas interesadas, están cheas de burocracia, probablemente cunha intención disuasoria. Noutros casos, as bonificacións son tramposas a simple vista: por exemplo, no caso de bonificacións a comercios, talleres, etc., a condición para poder acceder ao desconto proposto na ordenanza é ter un xestor de residuos propio, é dicir, sae máis barato pagar a taxa.

Pois ben, dende Manifesto Miñor seguimos considerando insuficiente a proposta do goberno municipal, que, segundo parece, non quixo pasar o traballo de analizar todas as alegacións cun certo rigor e convocar unha reunión para poñer en común as propostas de cada grupo. A ordenanza fiscal da recollida do lixo segue a ser inxusta e non se adapta as necesidades da veciñanza de Gondomar.

Manifesto Miñor

Decembro 23, 2025