O PP e a propaganda electoralista: visita ás obras do Centro de Saúde de Gondomar
O pasado venres 20 de xullo, o Conselleiro de Sanidade visitou as obras do novo Centro de Saúde de Gondomar.
Malia importancia do asunto, a esta visita non foi convidada nin a Concelleira responsable da Área de Saúde do Concello (Rocío Cambra) nin o Tte. de Alcalde (Antonio Araújo), durante cuxo mandato foi realizado o devandito proxecto e tramitada a cesión dos terreos onde se están a construir as novas instalacións; non obstante, si foi convidado o voceiro do PP na Corporación.
Non é a primeira vez que se despreza o traballo dxs concelleirxs de Manifesto Miñor, aínda que, neste marco político onde o que importa son os feitos, a política espectáculo e de propaganda non nos interesa.
Xa que logo, o importante é que Gondomar poida contar canto antes cun novo Centro de Saúde cos profesionais da sanidade que precisa un concello de máis de 16.000 habitantes de feito.
Non deixa de chamar a atención, iso si, que (Oh, casualidade!) as obras vaian estar rematadas un mes antes das vindeiras eleccións municipais.
Partido Popular, vén ao noso Concello a facer propaganda electoral
Parece que o Partido Popular, en troques de informar respecto da parálise das obras durante anos, das necesidades sanitarias reais da veciñanza de Gondomar, así como da política de recortes que levou a suprimir varias das consultas proxectadas nun principio, vén ao noso Concello a facer propaganda electoral cun asunto de grande importancia para todxs xs gondomaresxs.