O pozo de bombeo de Gondomar: desmontando as mentiras e a demagoxia da Xunta e do PP
En Gondomar non se entende como os responsábeis máximos da pésima realización das obras da rede principal de saneamento do noso concello veñan agora con ameazas e demagoxia contra o Goberno Municipal, que somente pretende poñer sentido común neste asunto.
Ameazan publicamente (nada novo) con medidas legais baseadas nun acordo plenario do ano 2010 de dubidosa legalidade e con reclamacións millonarias ou, con multas por delito ecolóxico. E por se isto fose pouco, pretenden responsabilizar ao concello dos vertidos ao río ou á Foz do Miñor.
Poñamos en claro as cousas:
A rede de saneamento e a depuradora foron construidas pola Xunta
A rede principal do saneamento de Gondomar foi construída pola Xunta entre os anos 1997 e 1998, de maneira deficiente e sen os necesarios controis de calidade que unha obra deste tipo debería ter. Construíron unha depuradora mal dimensionada que, porriba, ten que lle dar servizo ao CUVI, a Zamáns e á Garrida, en Vigo.
O Goberno da Xunta oculta a sua responsabilidade nesta situación
Entre esas deficiencias que nunca quixeron corrixir, ademais dunha rede construída con materias obsoletos (tubos de fibrocemento, formigón e nada en PVC, etc.), está o feito gravísimo de conectar á rede as augas pluviais, as filtracións das riadas que inundan as tubaxes, as pendentes mal calculadas, os afundimentos por non consolidar correctamente as gabias e un longo etcétera. O Goberno da Xunta oculta agora todos estes feitos coma se esta situación non fosen con eles e responsabilidade súa.
As únicas verteduras á Foz do Miñor e ao río, dos que fala a Xunta, son os da depuradora cando se colapsa (moi a miúdo) e o dos bombeos que foron instalando en diferentes puntos do Concello cando se avarían. Por certo, a xestión da depuradora de Gondomar é competencia da Xunta de Galicia que é quen cobra o canon de saneamento, incluído no recibo da auga municipal.
Pozo de bombeo
En referencia ao proxecto do chamado “Tanque de Tormentas”, agora reconvertido en “Pozo de Bombeo” e financiado con fondos FEDER, a Xunta de Galicia debe responder porque un proxecto, que din aprobado no ano 2010, se deixou durmir nas gabetas dos despachos e pretenden agora responsabilizar ao Goberno Municipal do seu deixamento. Non sería por non lle crear problemas ao Goberno Municipal amigo do PP?
A Xunta está cometendo unha infracción urbanística moi grave
O Goberno galego, como institución pública, mesmo con capacidade para promover lexislación propia e con ferramentas abondas para velar pola legalidade (que é a súa principal obriga), debería saber que o acordo plenario de 17/11/2010, onde se aprobou o devandito proxecto, foi, cando menos, irregular ao lle faltar informes esenciais para ser tomado. Derivado desta situación, a Xunta está cometendo unha infracción urbanística moi grave –e, se non, que lean os informes dos técnicos municipais– ao pretender construír nunha zona verde urbana e así clasificada, unha obras impropias en semellante localización. A maiores, a Xunta de Galicia debería saber tamén que ese acordo foi tomado por un Goberno Municipal nun tempo no que os funcionarios encargados de facer os devanditos informes estaban impedidos para realizar as súas funcións por ese mesmo goberno, inhabilitado xudicialmente por ese mesmo motivo. É esta a legalidade que defende a Xunta?
Hipoteca de 30.000€/ano que lle deixan á veciñanza de Gondomar
Por último, que nos expliquen se os cambios realizados no proxecto inicial (para min é un proxecto diferente) están autorizados pola UE como é preceptivo; e que lle expliquen á xente de Gondomar e do Val Miñor que se trata de tres estacións de bombeo –dúas bombean de Mañufe cara a Gondomar (contra corrente) e a principal de Gondomar a Donas (cara abaixo)–. Ou, que vai pasar cando se avaríen os bombeos e “alivien” directamente no Río Miñor ou coa hipoteca de 30.000€/ano aproximadamente que lle deixan á veciñanza de Gondomar en mantementos, consumos eléctricos, reparacións, etc. Cando nos aclaren todo isto e porque non se fai un saneamento por gravidade podendo facelo, se cadra tod@s saberemos quen defende o interese público, a legalidade e o sentido común.
En Gondomar, a 5 de decembro de 2015.
Asdo.: Antonio Araúxo Quintas.
Vice-alcalde de Gondomar e Concelleiro de Urbanismo