O Pleno de Gondomar aproba por unanimidade dúas mocións de Manifesto Miñor para arranxar varios camiños públicos nos barrios de Os Carballás, Entreviñas e Gonda (Morgadáns) e Lousado (Borreiros)
No Pleno da Corporación Municipal de Gondomar do pasado xoves, 7 de marzo, Manifesto Miñor presentou dúas mocións para arranxar varios camiños públicos nas parroquias de Morgadáns e Borreiros, pois son reivindicacións da veciñanza deses barrios e mesmo do movemento asociativo das parroquias. Pois ben, as dúas mocións foron aprobadas por unanimidade, mesmo cos votos a prol do goberno municipal. Agora, é o momento de que o señor Ferreira realice as xestións necesarias para buscarlle unha pronta solución para que a veciñanza deses barrios poida acceder ás súas vivendas por uns camiños mellor coidados e cunhas mínimas garantías de seguridade.
Dende Manifesto Miñor, estaremos vixiantes para que o goberno municipal do señor Ferreira cumpra co compromiso adquirido e arranxe os camiños públicos nos barrios de Os Carballás, Entreviñas e Gonda (Morgadáns) e Lousado (Borreiros).