O futuro da comarca a debate: achegas de Manifesto Miñor ao debate da área funcional da Axenda Rural e Urbana do Val Miñor

En primeiro lugar, cómpre dicir que é de agradecer a posibilidade que se lle brinda á veciñanza e aos colectivos de todo tipo para poder facer as nosas achegas a un debate máis que necesario. Por fin, parece que as Institucións se abren a a debater o modelo de futuro que queremos para a Comarca do Val de Miñor, definida no documento base como “Área Funcional do Val Miñor”, e tamén sobre aquelas accións ou estratexias máis acaídas ou necesarias.

Se cadra sería bo comezar por recoñecer a nosa Comarca coma unha das poucas de Galicia, por non dicir a única, onde a realidade comarcal, e mesmo o sentimento de comarca, é un feito evidente froito de séculos de intensas relacións de todo tipo.

Na diagnose que se fai da Comarca, na nosa opinión bastante acertada por obvia, mais, con todo, botamos de menos o enunciado de medidas concretas que fagan crible a intencionalidade política de levar a cabo actuacións futuras.

 

MOBILIDADE E TRANSPORTE

Efectivamente a mobilidade debe ser un asunto crucial pois é un dos principais elementos vertebradores de calquera territorio, ademais de ser un factor democratizador importante. Cómpre, polo tanto, buscar unha mobilidade propia do S. XXI, isto é, sustentable, e para iso é fundamental potenciar o transporte colectivo, o uso das bicicletas, as sendas peonís e reducir ou eliminar o tránsito pesado dos espazos urbanos e das nosas vilas. É dicir, cumprir os principais obxectivos que marca a Axencia Urbana Española (AUE).

 

Na nosa opinión, unha mobilidade eficiente na Comarca do Val de Miñor pasa por:

1º.- A supresión das peaxes da Autoestrada AG-57, facendo da mesma unha vía rápida e segura de comunicación interna e co exterior da Comarca. A eliminación do tránsito de todo tipo das nosas Vilas sería evidente e, asemade, converteríase a parroquia de Vincios nun lugar seguro e con máis calidade de vida.

 

2º.- Creación dunha rede de transporte colectivo (mini-buses) que una todas as parroquias do Val de Miñor entre si e coas vilas. Obviamente mellorando o transporte convecional que nos une con Vigo, coa Universidade e cos Hospitais de referencia, pois o que padecemos neste momento é moi deficiente, tanto en horarios como en frecuencias. Esta rede de transporte colectivo e comarcal deberá ser construída conxuntamente cos profesionais do Taxi, vía cooperativa con participación municipal, ou calquera outra fórmula.

 

3º.- O paseo fluvial pola beira do Río Miñor, como mínimo, entre a Vila de Gondomar e A Ramallosa, conectándoo cos paseos da costa, ademais de ser unha demanda cidadá clamorosa, traería beneficios de todo tipo: de saúde, medioambientais, económicos, etc. Hai que dicir que se trata dunha actuación ben sinxela e barata, pois non precisa de grandes obras ou instalacións.

 

4º.- A rede de carrís bici e beirarrúas seguras para os peóns é outro dos déficits que non teñen explicación nunha Comarca como a nosa que tanto di mirar polo turismo. Habería que comezar por un carril bici Gondomar-A Ramallosa digno de tal nome, seguro, e con espazo para camiñar os peóns. Esta é unha necesidade urxente, pois a devandita estrada pódese cualificar como unha vía urbana, por certo, moi perigosa. Sería conveniente rescatar, ou cando menos revisar, o proxecto redactado en 2008 pola COTOP que ten que constar na Delegación da Consellaría en Pontevedra.

 

MEDIO AMBIENTE

Lamentablemente nunha Comarca que ten o turismo no punto de mira, non se explica tanto maltrato e tan impune contra o Medio Ambiente.

Descontaminar e recuperar a Foz do Miñor para o marisqueo debe ser un obxectivo prioritario, por non dicir unha obriga moral e política. Redimensionar e revisar o funcionamento das depuradoras da Comarca é un tema urxente, igual que reconstruír (ou construír) unha nova rede de saneamento de fecais separativa para que as depuradores funcionen cun mínimo de eficiencia.

 

COMERCIO LOCAL

É urxente repensar e axudar ao comercio local e de proximidade. A maiores da competencia brutal que sofren por parte do comercio online e das grandes superficies, maiormente transnacionais, que está levándoo á extinción, o pouco comercio que queda non ten relevo xeracional. Medidas fiscais, unha promoción sostida no tempo, a formación no campo das vendas online e das novas tecnoloxías para xs comerciantes, etc., requiren actuar sen demora. Tamén as chamadas humanizacións de determinados espazos urbanos deben ser tratadas doutro xeito, comezando por escoitar ás persoas que viven ou teñen os negocios nesas zonas. Ollo cos efectos perversos deste tipo de actuacións que, ao final, acaban expulsando ás persoas de rendas máis baixas e aos comercios das vilas, converténdoas en vilas dormitorio sen vida.

 

ENERXÍAS LIMPAS

Fálase na diagnose da creación de comunidades enerxéticas. Estamos de acordo e propoñemos comezar a traballar nunha en concreto: a “Fábrica da Luz” de Pegonegro, no Río Zamáns. Como é sabido, a Presa de Pego Negro foi construída entre os anos 1907-1908 no Río Zamáns por D. Laureano Salgado coa finalidade de subministrar electricidade a Baiona, Gondomar, A Ramallosa e a outros lugares do Val de Miñor. Posteriormente, en 1923, e despois de rematadas as obras de ampliación da presa para aumentar a súa capacidade, pasa a formar parte da “Sociedad General Gallega de Electricidad”. A través desa concesionaria funcionará até 1957 que é comprada por FENOSA. A día de hoxe, a concesión está finiquitada. Pois ben, se daquela funcionou con tecnoloxías obsoletas comparadas coas de hoxe, e dado que a principal infraestrutura está construída, e tendo en conta o rendemento e a eficiencia que actualmente ten a maquinaria existente, pódese dicir que estamos diante dunha “Comunidade Enerxética” evidente, que mesmo podería ser de carácter pública participada polos concellos da Comarca.

 

Nas demais potencialidades que se citan na devandita diagnose, é preciso sinalar que estamos de acordo, pero habería que ir concretando aquelas actuacións máis urxentes ou doadas de levar a cabo, cando menos, para ir avanzando e demostrar que todo este traballo de “pensar” ten unha plasmación práctica para que a veciñanza poida valorar e aproveitar os resultados.

 

Reiteramos as grazas por abrir o debate e poder participar nel.

 

En Val de Miñor, a 3 de maio de 2024.

Asdo.: Antonio Araújo Quintas.

Portavoz de Manifesto Miñor.

Setembro 27, 2024

Etiquetas: , ,