O empresariado d’A Pasaxe, tal e como levamos tempo reclamando dende Manifesto Miñor, urxe axuda pública para afrontar a ampliación do polígono industrial

Laiarse a estas alturas do problema non serve de nada. Lamentablemente isto é o que leva facendo dende hai demasiado tempo a directiva dos empresarios do Polígono Industrial d´A Pasaxe, en Vincios, no canto de actuar con forza e esixir alí onde hai que facelo.

Dende Manifesto Miñor levamos dicíndoo dende hai moitos anos: a solución á ordenación do Polígono pasa pola implicación e o compromiso da Xunta de Galicia, como fixera no ano 2008 a Conselleira Teresa Táboas, grazas á xestión do alcalde que, naquela altura, era o noso compañeiro Antonio Araúxo. Dende entón, todo foi postureo, promesas, fotos… incluso anuncios fake, como foi a colocación dun cartelón virtual de inicio das obras por parte do Sr. Alcalde en plena precampaña electoral cando, na realidade, non había nada. Soamente estabamos a uns días das eleccións municipais!

Por outra banda, e así consta na vídeo-acta do Pleno da Corporación Municipal celebrado en abril de 2023, cando a adxudicación das obras da primeira fase da ordenación do Polígono, o noso concelleiro Antonio Araúxo avertiu ao Alcalde que o orzamento das devanditas obras, ademais de estar obsoleto, pois viña dos anos 2019-2020, non estaba garantida en absoluto a previsión dos fondos necesarios para executar as obras. Agora sabemos que non hai nada recadado entre o empresariado, confirmado polo Alcalde no pleno de decembro, a maiores das dificultades financieiras que algunhas empresas teñen para achegar a parte proporcional asignada segundo o sistema de cooperación escollido para recadar eses fondos. E que fai a directiva dos empresarios d´A Pasaxe? Laiarse!

Pois ben, dende Manifesto Miñor e dentro das capacidadas que a veciñanza nos outorgou no seo da Corporación Municipal (dous concelleiros), levamos insistido por activa e por pasiva por onde pasa a solución á ordenación do Polígono Industrial d´A Pasaxe. A última proposta foi unha moción, aprobada por unanimidade no pleno do 13 de decembro pasado, onde acordamos solicitar unha reunión urxente coa conselleira de industria para tratar este asunto (texto da moción aquí). A día de hoxe, ignoramos as xestións feitas polo señor Alcalde para lle dar cumprimento ao mandato plenario.

Por último, cómpre sinalar que o 24 de novembro solicitamos unha entrevista coa Directiva da empresariado d´A Pasaxe, pero unicamente obtivemos a calada por resposta. En fin, só nos queda insistir que, ou vamos todos da man (Concello, emprersariado e CCMM de Vincios), ou non hai nada que facer.

Asdo.: Antonio Araújo Quintas.

Voceiro de Manifesto Miñor.

 

Moción presentada no Pleno do pasado 13 de decembro.

Xaneiro 12, 2024

Etiquetas: , , ,