O convenio asinado entre o Alcalde de Gondomar e o Consorcio da Zona Franca de Vigo para desenvolver a 2ª fase do Polígono d’A Pasaxe fai auga

A exposición pública do convenio para a urbanización da 2ª fase do Polígono d’A Pasaxe, que reclamamos dende Manifesto Miñor, non se contemplaba no momento da aprobación do devandito convenio no Pleno da Corporación Municipal de Gondomar do pasado 9 de xullo. 

Gondomar, 13 de agosto de 2025.– Posiblemente esteamos diante doutro “éxito histórico” da xestión de D. Paco Ferreira que quedará en nada, coma lle pasou aos “investimentos millonarios” derivados da re-privatización da auga municipal. En definitiva, fume para ocultar outra trapallada monumental do Sr. Alcalde.

Velaí a secuencia dos feitos:

1º.- O Pleno da Corporación Municipal celebrado o pasado 9 de xullo aprobou, só cos votos do goberno e da concelleira tránsfuga, o convenio entre o Concello de Gondomar e o Consorcio da Zona Franca de Vigo (CZFV) para urbanizar a 2ª fase do Polígono Industrial d´A Pasaxe. Tomaron semellante acordo malia as contundentes advertencias contrarias á sinatura do convenio feitas dende a Secretaría Xeral do Concello, a Intervención Municipal e de todos os grupos da oposición. Naquel momento, non se deu opción a unha exposición pública para lle facer alegacións as partes interesadas no proceso.

2º.- O día 21 de xullo, con grande alarde mediático e “solemnidade”, o Sr. Alcalde e o Presidente do CZFV procederon á sinatura do devandito convenio no Salón de Plenos da Casa da Cultura de Gondomar.

3º.- O 24 de xullo o Grupo Municipal de Manifesto Miñor presentamos formalmente un Recurso de Reposición contra o acordo plenario do 9 de xullo no que solicitabamos a anulación do mesmo, entre outras razóns, por consideralo lesivo para o interese xeral e no límite da malversación de cartos públicos.

4º.- Consolidado todo o proceso, é dicir, aprobado e asinado entre as partes do citado convenio, para sorpresa de propios e estraños, o pasado 1 de agosto aparece a publicación no DOG da exposición do convenio, invocando o Art. 165 da Lei do Solo de Galicia, de obrigado cumprimento dende o ano 2016.

Os porqués de semellante despropósito vainos ter que explicar no pleno o Sr. Ferreira, pois levaremos este asunto ao próximo Pleno para que o Alcalde informe a este grupo municipal, a toda a oposición e á veciñanza de Gondomar.

En Manifesto Miñor estamos convencidxs que este cambio ten que ver coa presentación do noso Recurso de Reposición. Onde se viu que un convenio, despois de aprobado e asinado polas partes que interveñen no mesmo, se someta a exposición pública e que se poida modificar. Dende o noso grupo reiteramos a nosa posición e convidamos ao Sr. Ferreira a deixar sen efecto un convenio lesivo para o interese xeral e para todas as partes que interveñen no Polígono Industrial d´A Pasaxe; CCMM de Vincios, empresariado e entidades e persoas propietarias, e a entrar na senda do consenso e do diálogo. Para Manifesto Miñor a única posibilidade de éxito para sacar adiante o Polígono pasa por restablecer a colaboración entre o Concello e a Xunta de Galicia, tal como quedou sentado en 2008  cando o Concello asinou o primeiro convenio entre a Xunta de Galicia, a CCMM e os empresarios/propietarios d´A Pasaxe. Canto antes rectifique mellor para todos.

Asdo.: Antonio Araújo Quintas, portavoz de Manifesto Miñor.

Agosto 13, 2025

Etiquetas: ,