O Alcalde estafa a veciñanza de Gondomar cunha enquisa fraudulenta sobre a reforma da Alameda

O luns 9 de outubro, o señor Alcalde publicou na páxina web do concello “unha enquisa pública para coñecer a opinión da cidadanía” sobre o proxecto de reforma da Praza Manuel Alonso que o goberno firmara, ao final da pasada lexislatura, coa Deputación de Pontevedra. Esta iniciativa, sen garantías e chea de propaganda, non resolve a situación de descontento co proxecto, principalmente, por parte dxs comerciantes. Don Paco Ferreira segue negándose a explicar a iniciativa, debater coas persoas interesadas (especialmente, comerciantes e veciñxs) e cos grupos da oposición, escoitar as propostas de mellora que se poidan facer ao proxecto e consensuar unha humanización que non remate por liquidar o comercio local de Gondomar.

 

Para Manifesto Miñor, esta enquisa demostra a desorientación de Ferreira, que volve empregar a mentira, o engano e a propaganda no seu propio beneficio. En primeiro lugar, a enquisa vai acompañada dun texto cheo de imprecisións ou inexactitudes, cando non mentiras, pois obvia o posicionamento en contra de moitxs comerciantes pola falta de diálogo co goberno municipal (principalmente, co Alcalde, Paco Ferreira, e a concelleira de comercio, Rocío Deolinda Goberna). O Alcalde segue actuando como se tivese maioría absoluta, malia que a veciñanza de Gondomar lle retirou a confianza e a maioría absoluta o pasado 28 de maio. 

 

Asemade, a enquisa publicada na páxina web do Concello resulta completamente fraudulenta, pois permite votar a calquera persoa con acceso a Internet, xa sexa de Gondomar ou non; unha persoa de Madrid, de Murcia ou de Bollullos tamén pode votar se está a favor da reforma de Alameda de Gondomar (un disparate!). A enquisa mesmo permite que unha única persoa poida votar varias veces dende distintos dispositivos e mesmo puidemos comprobar que se podía votar repetidamente dende a mesma IP. Que credibilidade podemos ter no resultado dunha enquisa de parte na que non hai control da participación? Trátase, ademais, dunha enquisa que deslexitima a institución municipal e desprestixia os órganos oficiais de comunicación entre o concello e a veciñanza.

 

Dende Manifesto Miñor, queremos denunciar a covardía do señor Ferreira ao esconderse tras un falso referendo para non dar explicacións e para non escoitar xs comerciantes da Alameda e a veciñanza real de Gondomar. Por iso, no vindeiro Pleno pediremos explicacións ao Alcalde polo uso ilexítimo da páxina web do Concello por pura propaganda. Don Paco segue a pensar que está en marioría absoluta e pode seguir gobernando o concello sen dialogar e chegar a acordos. As súas mentiras e manipulacións xa non funcionan!

 

En Gondomar, martes 10 de outubro de 2023

Asdo.: Antonio Araújo Quintas

Voceiro de Manifesto Miñor

 

Outubro 10, 2023

Etiquetas: , ,