O Alcalde de Gondomar “saca o talonario” en ausencia de políticas serias que revitalicen o comercio local

Diante do anuncio feito polo Alcalde de Gondomar, que hoxe recollen diversos medios de comunicación, e segundo o cal vai repartir entre a hostalaría e o sector do taxi 100 000 euros, dende  Manifesto Miñor consideramos que se trata dun xesto con pouco percorrido no tempo e de escasa eficacia e queremos denunciar que estamos diante dunha subida de ton na deriva caciquil do Sr. Ferreira. Ante a ausencia de ideas e políticas para reactivar o comercio, a hostalaría e os servizos de Gondomar, o Goberno Municipal decide tirar de talonario e repartir os cartos de todxs sen obxectivo ningún. Un simple cálculo matemático dinos que repartir 100 000 euros entre 150 negocios (aproximadamente) sae a uns 666 €/ano para cada un. E despois, que? Que pensan facer logo o señor Ferreira e a señora Goberna, concelleira de Comercio?

 

Se o Sr. Ferreira e o seu goberno queren axudar de verdade ao comercio local, á hostalaría, ás pequenas empresas de servizos e ao sector do taxi, a estratexia é outra. De entrada falar cxs propietarixs ou responsables dos negocios e cxs comerciantes afectadxs, procurando que as axudas perduren no tempo, pois lamentablemente a crise provocada pola Pandemia vai para largo. Unha axuda puntual, por riba insuficiente, non lles vai resolver a situación de precariedade provocada pola emerxencia sanitaria.

 

Para Manifesto Miñor, ademais, as axudas deben pasar por unha rebaixa ou bonificando nun 90 (ou 95 ou 99%) en todos os impostos e taxas municipais:  IBI,  auga, lixo, etc.; por abrir  as rúas peonís ao tránsito rodado nos horarios de comercio; por volver a feira, que hoxe morre de pena os martes, para os sábados; pola promoción mediática da vila de Gondomar como un espazo amable onde se pode mercar de todo e de calidade, etc. E todo isto dentro dunha plataforma municipal propia de venda online xestionada polo Concello, comerciantes, hostaleirxs e pequenos negocios instalados en Gondomar. E, en todo caso, os 100 000 euros debe ser empregados para estimular o consumo na localidade como xa están a facer noutros concellos de Galiza.

 

Estas son as propostas que fai Manifesto Miñor co ánimo de axudar e colaborar na recuperación do noso comercio local, e que serán debatidas no vindeiro Pleno Extraordinario (aínda sen data) que tivemos que convocar dende a oposición xa que o señor Alcalde é pouco dado ao diálogo e, moito menos, a admitir as ideas ou as propostas dos demais, que por certo tamén representamos a miles de gondomarenses.

 

En Gondomar, a 18 de decembro de 2020.

 

Asdo.: Antonio Araújo Quintas.

Portavoz de Manifesto Miñor.

Decembro 18, 2020

Etiquetas: , ,