O PRESIDENTE DA ENTIDADE LOCAL MENOR DE MORGADÁNS (CANDIDATO Á RELECION E EX – PP) PRETENDE APROBAR AS CONTAS COAS ARCAS DA ENTIDADE BALEIRAS
O PRESIDENTE DA ENTIDADE LOCAL MENOR DE MORGADÁNS (CANDIDATO Á RELECION E EX – PP) PRETENDE APROBAR AS CONTAS COAS ARCAS DA ENTIDADE BALEIRAS, E AUTORIZAR A UNHA EMPRESA DE TRATAMENTOS DE ENTULLOS O SELADO DUNHA CANTEIRA.
Que o presidente da ELMM actúe deste xeito é o normal, pois sempre o fixo así coa tolerancia do Partido Popular. O que xa rompe con toda lóxica, e sobre todo é un insulto á veciñanza de Morgadáns, é pretender facer un Pleno Extraordinario o vindeiro día 15 a oito 8 días das eleccións do 24-M, e por riba, con asuntos de grande transcendencia para o futuro da parroquia.
De entrada, presenta á aprobación inicial a Conta Xeral do ano 2014 convertendo o propio Pleno en Comisión Especial de Contas, é dicir, confundindo deliberadamente o Pleno cunha Comisión Informativa.
No que se refire ao balance final das contas o único certo, segundo a certificación emitida polo Banco Pastor a 12/5/2015, é que na conta deste banco a esta data hai un saldo de 186,62€. Asemade, na conta de ABANCA a 31/12/2014 había un saldo de 23.275,96€. A esa mesma data había en caixa 2.056,53€. É dicir, supoñendo que esas cifras estean íntegras, a día de hoxe habería un saldo favorable 25.519,11€.
Xa que logo, onde está o truco?….
Pois ben, no seguinte punto que somete á aprobación do pleno o Presidente da Entidade, Urbano Esmerode, pretende aprobar o pago de facturas pendentes (algunhas delas do ano 2012) por un montante total de 23.025,06€, que restado do saldo favorable, a nova Corporación de Morgadáns tería para iniciar o mandato a “escandalosa” cantidade de 1.494,05€. A pregunta que nos facemos dende o Grupo Nacionalista é onde foi parar o resto do Orzamento, pois na parroquia non se ve nada. Calquera concello de Galiza con menos habitantes que Morgadáns (1.365 habitantes), pode presumir de servizos e xestión municipal que aquí carecemos.
A adxudicación faise sen mediar proxecto técnico ningún
Por último e para rematar o mandato seguindo a tradición marrulleira (ou se cadra para equilibrar as contas), Urbano Esmerode pretende aprobar a adxudicación da “restauración” dunha canteira a unha empresa especializada no tratamento de entullos (ALCONTE VIGO), que a súa vez subrogaría unha concesión dunha canteira facéndose cargo das débedas desta coa ELM (12.000€), cousa totalmente ilegal, toda vez que estamos a falar dunha propiedade pública. A maiores esta adxudicación faise sen mediar proxecto técnico ningún, estudos, ou cos informes preceptivos dos organismos pertinentes. A desconfianza veciñal está máis que xustificada, toda vez que estamos a falar dunha empresa que xestiona, tamén, entullos contaminantes que poderían ser serían vertidos en Morgadáns sen ningún tipo de control. Estamos falando de 150.000m3 cunha taxa de 0,40€/m3. Merece a pena converter Morgadáns nun vertedoiro de lixo encuberto e incontrolado por estes cartos?.
En Morgadáns, a 13 de maio de 2015.
Asdo.: Xaime Lugilde de Jesús.
Vogal nacionalista da E.L.M. de Morgadáns.