Menos foto e máis traballo polo interese xeral: sobre as últimas declaracións do Alcalde de Gondomar sobre o polígono de A Pasaxe
Dende hai tempo, con especial énfase nos períodos pre-electorais, entra en campaña (da man de PP-PSOE) o Polígono Industrial d´A Pasaxe. Non hai máis que lembrar a promesa de Zona Franca (PSOE) de reservar 30 millóns de euros nos seus orzamentos antes das eleccións xerais; agora, a Xunta (PP), para non ser menos, promete 435 mil euros, coma quen di, nas vésporas das autonómicas. Lamentablemente, unha vez máis, de todo iso só quedarán as fotos coma testemuñas mudas do fume que nos venden uns e outros. Para o Alcalde o importante son as fotos, segundo se deduce do seu lamento.
Dende Manifesto Miñor – En Marea denunciamos a irresponsabilide política, neste caso do Alcalde de Gondomar, que no canto de esixir que se fagan efectivos canto antes os investimentos anunciados pola Xunta (e tamén por Zona Franca), sae á palestra pública queixándose porque seica non foi convidado á xuntanza entre a Conselleira e os empresarios d´A Pasaxe. Unha foto menos para colgar colgar nas redes sociais pensará o Sr. Ferreira!
Parece que o Sr. Alcalde ignora a importancia clave que ten a Xunta de Galicia para poder sacar adiante a ordenación do Polígono Industrial, a mesma que ten a Comunidad de Montes Veciñais en Man Común de Vincios, sen cuxa participación e consenso non será posible.
Unha vez máis esixímoslle ao Sr. Ferreira que se poña a traballar en serio neste asunto, vital para miles de traballadorxe e centos de empresas, e para a economía local, no canto de adicarse a facer declaracións fóra de lugar que o único que conseguen é deteriorar aínda máis as necesarias relacións institucionais e coa comunidade veciñal, imprescidíbeis para resolver definitvamente este asunto.
Traballo responsable, discreción e consenso… Non hai outro camiño neste asunto. Agora o Sr. Ferreira non ten desculpa posible, pois conta cun gobernmo municipal con maioría absoluta, por certo, con 7 dedicacións exclusivas moi ben pagadas.
En Gondomar, a 11 de decembro de 2019.
Asdo.: Antonio Araújo Quintas.
Voceiro municipal de Manifesto Miñor – En Marea