Manifesto Miñor vén de presentar unha moción co obxecto de solicitar fondos “Next Generation” para a creación dunha comunidade enerxética singular que aproveite a presa de Pego Negro da antiga “Fábrica da luz”
A Presa de Pego Negro foi construída entre os anos 1907-1908 no Río Zamáns por D. Laureano Salgado coa finalidade de subministrar electricidade a Baiona, Gondomar, A Ramallosa e a outros lugares do Val de Miñor. Posteriormente en 1923, despois de rematadas as obras de ampliación da presa para aumentar a súa capacidade, pasa a formar parte da “Sociedad General Gallega de Electricidad” en 1929. A través desa concesionaria funcionará até 1957 que é comprada por FENOSA.
A día de hoxe sábese da finalización da concesión e faltaría por confirmar a titularidade da infraestrutura, é dicir, se é propiedade de UNION-FENOSA ou revertiu a Augas de Galicia xunto coa caducidade da devandita concesión.
Pois ben, neste momento existe a posibilididade de aproveitar esa infraestrutura con mínimos custes medioambientais e importantes beneficios sociais, ao abeiro dos Fondos “Next Generation” da UE a través da fórmula “proxecto singular de comunidades enerxéticas” e que xestiona a Xunta de Galicia.
O “Informe Estratéxico para a Transformación de Galicia” vinculado aos fondos Next Generation publicado en marzo de 2021, destaca entre as prioridades dos mesmo a transición ecolóxica, reservando para tal fin máis do 37% dun total, aproximadamente 440,86 millóns de Euros.
Somos conscentes que se trata dun proxecto cunha certa complexidade, sobre todo burocrática e de tramitación, mais tamén que o elemento ou infraestrura principal, é decir, a presa leva máis de cen anos construída e crémos que nun estado aceptable para volver facer uso dela.
Crémos tamén que encaixa perfectamente dentro dos supostos subvencionables recollidos nos devanditos Fondos (até un máximo dun millón de euros), e que os beneficios serían evidentes, tanto para as arcas muncipais polo aforro significativo na factura eléctrica, como polo feito de ser unha iniciativa pioneira ou simbólica como sería a constitución dunha comunidade singular enerxética pública e liderada por un concello.
A petición concreta que se lle fai ao Pleno é a seguinte.
Iniciar coa máxima urxencia os trámites pertinentes: estudos, informes, proxectos, etc. ben por parte dos servizos técnicos municipais, a través dunha asesoría externa, UVIGO, ou dunha combinación de ambas, co obxecto de presentar canto antes perante os organismos pertinenentes a recuperación da “Fábrica da Luz” de Pegonegro como unha comunidade singular enerxética ao abeiro dos devanditos Fondos Next Generation.
En Gondomar, a 31 de marzo de 2022.
Asdo.: Antonio Araújo Quintas.