Manifesto Miñor unha moción para estender a traída municipal a unha parte do barrio d’A Esparela, na parroquia de Borreiros

A auga é un ben escaso e imprescindible para a vida que cómpre aproveitar sen estragar e repartir entre cando escasea. Por iso dende MM sempre defendemos e defenderemos a non privatización deste recurso, que pra nós é básico que estea sempre en mans públicas ou veciñais.

É unha obriga legal e moral inexcusable dos concellos proporcionar este servizo básico á veciñanza. Lamentablemente en Gondomar non está sendo así malia á reclamación que vén de vello de moitos veciñ@ como é o caso dos habitantes dunha  parte importante do barrio d´A Esparela en Borreiros, que teñen que usar auga para as súas vivendas, e non pra todos os usos, duns pozos contaminados con elementos perigosos como metais pesados por careceren de auga da traída  municipal que incompresiblemente non chega as súas casas cando non hai problemas técnicos que o impidan, de feito a última toma está a pouco máis de 300m das vivendas máis afastadas. (adxúntanse analítican de varios pozos contaminados, e cuxos habitantes da casa teñen que facer un gasto considerable periodicamante en filtros, tratamentos e analíticas,para poder usar a auga segundo en para que usos). 

Daquela trátase dunha decisión política. Optar por lle dar  prioridade a  investimentos en obras “máis lucidas” ou, investir en necesidades básicas nas dez parroquias do Concello, como por exemplo nas redes de auga pública ou de saneamento.

Por facer historia das obrigas dos concellos respeito destes servizos, a Constitución Liberal de Cadiz de 1812, a primeira Constitución española que lle pon fin ao “Antigo Réxime” e inaugura o municipalismo moderno tal como coma hoxe o coñeceños no fundamental, no articulado que define as obrigas dos concellos (art.1), cita a salubridade, comodidade, e a reparación de camiños, así coma as obras públicas. Lamentablemente 212 anos despois, en pleno S. XXI seguimos coas mesmas demandas agora agravadas polo incremento de poboación e por unha intensa actividade humana. E toca outra volta reclamar que se dean estes servizos básicos como é o caso que aquí se trae, e mesmo que se cumpra a Lei.

O acordo que lle propoñemos ao pleno é o seguinte, tan sinxelo coma urxente:

A Corporación Municipal de Gondomar ACORDA encargar coa máxima urxencia a redacción do proxecto de extensión da traída municipal de auga ao Barrio da Esparela, na parroquia de Borreiros, así como proceder acto seguido con fondos propios á realización das obras necesarias que rematen coa situación terceiromundista descrita nesta moción,  antes de que teñamos un grave problema de salubridade pública.

En Gondomar, a 3 de maio de 2024.

Asdo.: Antonio Araújo Quintas.

Portavoz de MM 

        

Maio 7, 2024

Etiquetas: , , ,