Manifesto Miñor súmase ao boicot a Israel durante a Volta Ciclista

Val Miñor, 4 de setembro de 2025.- O xenocidio programado e sistemático do Estado israelí sobre o pobo palestino faise humanamente insoportable na faixa de Gaza, onde xa se teñen contabilizados arredor de 64 000 mortos, entre os que se atopan unhas 19 000 nenas e nenos, sen contar os milleiros de desaparecidos baixo a destrución provocada polas bombas do sionismo, máis de 150 000 feridos e case 2 millóns de persoas desprazadas, fuxindo da fame e da morte. A poboación que permanece na faixa de Gaza vive entre ruinas e cascallos, que deixan tras de si os constantes bombardeos dos exército xenocida de Israel, sen servizos básicos (auga, electricidade, saneamento…) e sen acceso a alimentos e medicinas, agravando a situación humanitaria.

Nesta liña, cómpre lembrar que Israel está practicando un bloqueo criminal ao impedir o acceso de organizacións internacionais que ofrecen axuda humanitaria e a chegada de subministracións básicas a Palestina, provocando unha situación de inanición que forma parte da ruín estratexia israelita para exterminar a poboación gazatí. De feito, moitos membros de ONGs, persoal sanitario e persoas traballadoras da ONU resultaron mortos mentres realizaban labor humanitaria e prestaban apoio as persoas refuxiadas e, nas últimas semanas, o goberno de Benjamin Netanyahu xa anunciou que vai considerar “terroristas” as persoas que forman parte da Global Sumud Flotilla, que partiou o pasado 1 de setembro dende o porto de Barcelona cara Gaza.

Non é comprensible nin moralmente aceptable que se utilicen eventos de todo tipo e competicións deportivas, onde se permite a participación de Israel, para branquear o xenocidio sobre Palestina. En consecuencia, dende Manifesto Miñor queremos sumarnos ás mobilizacións que solicitan o boicot a Israel durante a celebración da Volta Ciclista e, por iso, convocamos a toda a veciñanza de Gondomar a achegarse o vindeiro marte, 8 de setembro, á rotonda do CDL de Gondomar con bandeiras e carteis de apoio ao pobo palestino. Entendemos que é unha boa oportunidade para amosar así o rexeitamento da cidadanía ao xenocidio en Gaza. 

Manifesto Miñor

 
Setembro 4, 2025

Etiquetas: , , ,