Manifesto Miñor solicitará amparo á Valedora do Pobo diante da denegación de acceso a expedientes municipais
Manifesto Miñor solicitará amparo á Valedora do Pobo pola reiterada vulneración do seu dereito ao acceso á información no Concello de Gondomar. Dende a expulsión do goberno, o noso grupo político vén sendo obxecto dunha planificada denegación de información por parte do rexedor local.
Primeiro, denegáronnos o acceso á documentación do Pleno.
Fai quince días o goberno do señor Ferreira non puxo a disposición dxs concelleirxs de Manifesto Miñor a documentación do pleno de novembro, á que só tivemos acceso no último momento, despois de presentar unha queixa formal e cando xa remataran todos os prazos legais. O Alcalde impediu que puidésemos estudar os temas que eran sometidos a pleno. Por tal motivo, estamos en trámite de recorrer a convocatoria, e en consecuencia, os acordos que no último pleno se adoptaron e nos que Manifesto Miñor non puido participar.
Agora, denegáronnos o acceso ao expediente do proceso de adxudicación do contrato do lixo.
Agora volve a acontecer ao negarse a facilitar o acceso á información e documentación relativa ao polémico acordo de adxudicación do contrato do lixo a unha empresa que presentou unha oferta con características de baixa temeraria segundo a lei de contratos públicos. Entendemos que esta cuestión pode ser unha fonte de problemas legais para o noso concello, con graves consecuencias económicas e para todas as gondomaresas e gondomareses.
O pasado 2 de novembro solicitamos formalmente o acceso á documentación e tería que sernos entregada, como máis tarde, logo de cinco días hábiles. Por tanto, o pasado luns 12 de novembro cumpriuse o prazo máximo que fixa a lei e, a día de hoxe, aínda a alcaldía ten bloqueado o noso acceso á documentación. Onte mesmo presentamos un escrito de queixa no rexistro por este atropelo aos nosos dereitos e aos dereitos dxs veciñxs xs que representamos.
O goberno pouco transparente de Paco Ferreira.
Nun concello, que queremos áxil e transparente, non pode haber comportamentos escuros, caprichosos e saltando os dereitos dos representantes da vontade popular, que teñen a obriga de fiscalizar as decisións tomadas, estudar se se axustan a dereito e se son favorables aos intereses da maioría social.
Por todo o exposto, imos solicitar de inmediato o amparo da Valedora do Pobo para que requira ao rexedor local a que cumpra coa lei e dea acceso á documentación á que como concelleirxs temos dereito.
Gondomar, 16 de novembro de 2018
Xosé Antón Araúxo Rodríguez
Concelleiro de Manifesto Miñor
Solicitude de acceso ao expediente do lixo e reclamación ante á negativa do concello de Gondomar a poñer toda a documentación ao servizo dxs concelleirxs da corporación.