Manifesto Miñor solicita unha xuntanza coas Administracións competentes para impulsar un paseo fluvial pola beira do río Miñor

Manifesto Miñor vén de dirixirse a todas as administracións con compentencias no asunto para que, dunha vez por todas, tomen cartas noa asunto e se impliquen na realización do paseo fluvial pola beira do Rio Miñor entre Gondomar e A Ramallosa. Cremos que é unha obra imprescindible: primeiro, para salvar o propio Rio do esquecemento e das agresións e o mal trato que sufre dende hai décadas, mais tamén porque vai ser un elemento dinamizador da Comarca e da Vila de Gondomar de primeiro nivel. Nos escritos que enviamos á Delegación da Xunta en Vigo, a Augas de Galicia, á Subdelegación do Goberno do estado e á Presidencia da Mancomunidade do Val de Miñor, tamén lles solicitamos unha entrevista para poder presentar a documentacíon ao respecto e convidalos a pasear con nós nunha andaina.

Loxicamente, no vindeiro Pleno da Corporación Muncipal de Gondomar defenderemos unha moción ao respecto, pois o Goberno Municipal do Señor Ferreira debería ser o primeirom interesado en arrimar o ombreiro e que este proxecto saia adiante. A nosa reivindicación é clara:

A APROBACIÓN do incio de todas cantas xestións que sexan necesarias perante as Administricaións Públicas con competencias no asunto (Costas, Augas de Galicia e Xunta de Galicia, etc., así como no seo da Mancomunidade do Val de Miñor, por ser un proxecto supramunicipal), co obxecto de recuperar este espazo de extrordinarios valores naturais e devolverlle a sáude para uso e gozo da veciñanza en xeral.
Entendemos que a mellor maneira de facelo é a través dunha intervención branda e respectuosa cun espazo tan sensible e no límite do soportable, habilitando un paseo ou sendeiro fluvial por unha das beiras do río, como mínimo, dende a Vila de Gondomar até a Ponte d ́A Ramallosa, que o conecte cos paseos da costa que van de Baiona até Panxón. Para levar a cabo devandita intervención, consideramos que o mellor xeito de acometer os traballos sería a través dunha “Escola Obradoiro”, polo que ten de implicación e sensibilización directa na poboación da Comarca, dende o momento mesmo dos traballos preliminares. Sen dúbida, outro efecto beneficioso derivado dunha intervención deste tipo, a maiores dos xa expostos, sería a corrección ou diminución dos efectos negativos das enchentes do inverno.

Por suposto, nos vindeiros días anunciaremos unha nova andaina para reivindicar o paseo fluvial, que temos prevista para mediados de outubro.

 

No informe que presentamos xunto coa moción e os escritos enviados ás administracións competentes, adxuntamos unha serie de fotografías que amosan o estado de deterioro e tamén as posibilidades do río Miñor. Por iso, apostamos por unha intervención que garanta a biodiversidade autóctona e respectuosa coa contorna. É cuestión de vontade política.

Outubro 3, 2022

Etiquetas: ,