Manifesto Miñor solicita unha solución definitiva aos problemas de accesibilidade ao CEIP Chano Piñeiro
Gondomar, 29 de novembro de 2025.- Dende a inauguración do devandito centro escolar até hoxe ten habido diferentes episodios vinculados á inestabilidade do balado (cunha pendente excesiva) que sube en paralelo ao largo de toda a beirarrúa peonil que lle dá acceso ao alumnado e ás familias ao CEIP Chano Piñeiro. A excesiva pendente e a pouco inconsistencia das terras, agravado polas últimas chuvias, teñen provocado diferentes desprendementos, por sorte, até agora sen consecuencias graves. O último produciuse no mes de novembro, creando a alarma entre a comunidade escolar, principalmente entre as nais e os pais do alumnado do centro, e cuxa solución provisional acometida polo Concello, lonxe de tranquilizalos aumenta a súa preocupación.
Dende Manifesto Miñor entendemos que xa é hora de acometer unha solución segura e definitiva a esta problemática, pois estamos a falar do centro escolar de infantil e primaria con máis alumnado do Concello de Gondomar, arredor de 400 alumnos e alumnas. Por iso, dende o noso grupo presentamos unha moción para promover un acordo da corporación municipal de Gondomar a fin de realizar as xestións necesarias para desenvolver diferentes actuacións no devandito acceso ao CEIP Chano Piñeiro; concretamente, solicitamos que se desenvolva a construción dun sistema de contención de terras que garanta a seguridade de toda a comunicade escolar, que se proceda ao ensanchamento do vieiro de acceso ao centro e, sobre todo, que se realicen as xestións necesarias para darlle continuidade ao do vieiro de acceso ao centro, de tal xeito que teña saída a estrada d`A Ramallosa, evitando así que os buses teñan que manobrar diante do centro e poidan continuar sen impedir que as propias familias poidan recoller ou deixar ás nenas e aos nenos a carón do colexio.
Asemade, para Manifesto Miñor é básico a creación do Consello Escolar Municipal, na liña de múltiples iniativas e mocións que se levan presentando no Pleno. Entendemos que ese é o lugar no que se deben tratar todas as cuestións que afectan aos centros educativos do noso concello e un espazo de escoita, debate e formulación de propostas que melloren as condicións do ensino publico en Gondomar.
Manifesto Miñor.