Manifesto Miñor sobre a indemnización que solicita a Xunta pola paralización das obras da estación de bombeo de Gondomar

Se pedían 2 millóns e agora piden 600 000€, é que a cousa non vai mal e, de entrada, algo de razón tiña o Concello. Veremos o que din os tribunais. Dito isto, o Concello de Gondomar fixo o que era de sentido común: obrigar a cumprir a lei a quen pensa que aída existe o dereito de pernada. Paralizar unha MACRO ESTACIÓN de bombeo de AUGAS FECAIS no centro da Vila de Gondomar (un pegote de case 200m2 e máis de 2m de alto) nunha zona clasificada como verde de uso público e, polo tanto, incompatible con esa infraestrutura como din todos os informes dos técnicos municipais, era o que cumpría facer.

Con todo, o peor dese despropósito era a hipoteca de por vida que teriamos que pagar todxs nós debido aos elevados custes de mantemento e electricidade, obras de conservación, etc. (uns 35.000€/ano), por non falar do fedor, os ruídos e, cando se producira unha avaría, abrir as comportas e veña a merda de todo Gondomar, do CUVI, etc. ao Río Miñor. A proposta do Goberno Municipal daquela, e a miña propia como responsable da área de Urbanismo e Medio Ambiente, foi que fixeran o investimento do proxecto en substituir as tubaxes actuais por outras máis eficientes e estancas, ao que se negaron sen máis explicacións. O porqué desa teima en construír a estación de bombeo non centro da vila, nunca nola chegaron a explicar con argumentos serios.

 

Gondomar, neste momento, corre co mantemento 3 estacións de bombeo que xuntas non chegan á décima parte da proxectada pola Xunta, e nun cáculo aproximado, nos últimos 10 anos levamos gastado máis de 400.000€, e sempre están dándo problemas e vertendo aos ríos. Iso é o que nos di a realidade sobre este tipo de infraestruras.

 

Por último, a veciñanza de Gondomar debe saber que a maiores da estación de bombeo proxectada no centro da Vila, no mesmo proxecto recollíase tamén a construción doutra máis pequena a carón da Ponte de Mañufe, complementaria da principal, co obxecto de BOMBEAR CARA ARRIBA as augas fecais da zona confluintes nese punto para despois volvelas BOMBEAR CARA ABAIXO, á EDAR de Donas. Máis problemas e gastos a conta do concello.

En definitiva, para Manifesto Miñor resulta un proxecto absurdo, de dubidosa eficacia e cun custe económico e medio ambiental inasumible para Gondomar.

 

En Gondomar, a 28 de Outubro de 2020.

 

Asdo. : Antonio Araújo Quintas.

Voceiro do Grupo Municipal de Manifesto Miñor no Concello de Gondomar.

 

Outubro 31, 2020

Etiquetas: , , ,