Manifesto Miñor reclama ao goberno municipal a reparación do saneamento no barrio do Souto, en Donas
Gondomar, 1 de xuño de 2025.- Dende hai varios anos, a veciñanza do barrio do Souto, no cambio de rasante que hai na contorna do CEIP Souto-Donas, está sufrindo continuos desbordamentos das arquetas de saneamento cando veñen fortes chuvias. Durante os últimos meses, a fortes treboadas deixaron en evidencia a situación crítica no barrio, pois temos documentado, polo menos, cinco rebentóns das arquetas no barrio dende o pasado decembro.
Con moita probabilidade, este problema ten que ver co estado no que se atopa a rede principal de saneamento na estrada da Areosa ao Mosteiro e o gran volume de conexión que ten na actualidade, que sen dúbida se verá incrementado nos vindeiros anos. Para Manifesto Miñor, resulta incomprensible como, no proxecto de mellora da pavimentación e seguridade viaria que se desenvolveu na devandita estrada, e que custou 250 000 euros, e cuxas obras se desenvolveron hai apenas dous anos, non se tivese en conta a necesidade de reforzar a rede principal de saneamento para reparar as tubaxes e mellorar a situación no cambio de rasante para salvar o desnivel e evitar os rebentóns. O Alcalde era coñecedor xa daquela da situación real, pois estaba informado pola veciñanza e por Manifesto Miñor, pois fixeramos con anterioridade a denuncia.
Por suposto, estes rebentóns supoñen tamén un grave problema de salubridade e medioambiental, xa que as augas fecais entran quedan estancadas ou directamente entran nas vivendas da veciñanza ou van polos regatos cara o río. O señor Alcalde tamén o sabe, pero segue sen actuar porque quedaría en evidencia a súa mala xestión dos fondos públicos.
Aínda máis grave resulta que, a menos de 100 metros deste problema, o señor Alcalde pretende facer un investimento de 1 200 000 euros para poñer bonita a contorna da igrexa de Santa Baia. Trátase dunha obra na que, dende logo, non se prevé tampouco unha revisión nin mellora da rede principal de saneamento.
Xa que logo, no Pleno de xuño demandaremos o arranxo da rede de saneamento no barrio do Souto, a fin de solucionar os problemas de rebentóns e que as augas fecais acaben nas casas da veciñanza ou no río.