Manifesto Miñor propón unha declaración institucional da Corporación Municipal de Gondomar con motivo do mes do Orgullo LGBTIQA+

Gondomar, 2 de xuño de 2025.- Como dixo o teólogo alemán, Martin Niemöller: “cando os nazis viñeron coller aos comunistas calei, pois eu non era comunista. Cando os socialdemócratas foron encarcerados calei, xa que non era socialdemócrata. Cando viñeron buscar aos sindicalistas, non protestei, xa que tampouco era sindicalista. Cando viñeron coller aos xudeus non protestei, xa que non era xudeu. E cando viñeron buscarme a min, xa non había ninguén que puidese protestar”. Estas palabras, cargadas dunha profunda reflexividade, manifestan que, cando se trata de loitar polos dereitos das persoas e defender os colectivos agredidos, é fundamental o concurso de todas e todos. Non podemos calar diante da vaga radical de ultradereita que asolaga Europa e o mundo occidental, que promulgan con descaro unha eliminación dos dereitos LGBTIQA+ que tanto custou conquistar e difunden todo tipo de discursos de odio contra o colectivo.

Xa que logo, dende Manifesto Miñor entendemos que dende as Administracións locais, máis de base e próximas á veciñanza, temos que facer pedagoxía e desenvolver iniciativas de apoio á loita LGBTIQA+, contra a LGBTIQA+fobia e en defensa dos dereitos das persoas do colectivo. Xa que logo, fixemos unha proposta a todos os grupos políticos da Corporación Municipal de Gondomar para realizar unha declaración institucional no vindeiro Pleno con motivo do mes do Orgullo LGBTIQA+. O borrador que presentamos dende a nosa organización está aberto á participación de todas e todos os concelleirxs que queiran aportar e facer achegas (de feito xa recibimos unha que incluímos na versión que axuntamos), para conseguir unha declaración institucional de consenso que mostre un compromiso firme do Concello de Gondomar coa defensa dos dereitos LGBTIQA+.

Manifesto Miñor

Xuño 4, 2025