Manifesto Miñor propón a modificación do Regulamento Orgánico e da Ordenanza Reguladora do Medio Ambiente, Limpeza e Convivencia diante da deriva autoritaria do socialista Paco Ferreira
Gondomar, 31 de marzo de 2026.- A liberdade de expresión é un principio fundamental de toda democracia merecente de tal nome, e así é recollido no art. 20 da Constitución Española. Pois ben, usar torticeiramente unha ordenanza municipal ou o propio Regulamento Orgánico para socabar este principio, retrotráenos a tempos pasados que algúns críamos superadaos, e se porriba quen o fai é un alcalde do PSOE, o disparate non ten nome. A non ser que o Sr. Alcalde de Gondomar decidira pola súa conta sumarse a esa pantasma que percorre Europa, e cuxos líderes preferimos non citar.
Dende Manifesto Miñor, non aceptamos a deriva do señor Alcalde, quen amparándose nunha normativa municipal que aprobou baixo o amparo dunha maioría absoluta que xa non ten, pretenda coartar a liberdade de expresión dos grupos políticos da oposición, ben nas sesións plenarias, ben nas rúas de Gondomar. Xa que logo, a presente proposta é máis que necesaria e ten por obxecto a modificación de varios artigos, tanto do Regulamento Orgánico Municipal como da Ordenanza Reguladora do Medio Ambiente, Limpeza e Convivencia, para evitar unha aplicación discrecional ou autoritaria das devanditas normativas que nos últimos tempos está facendo don Paco Ferreira.
Por todo isto propoñemos unha modificación do Regulamento Orgánico Municipal no sentido de eliminar o uso abusivo do control do tempo aos voceiros e voceiras da oposición que está facendo o señor Alcalde. O principio que inspiraba a modificación do devandito Regulamento era axilizar o desenvolvemento das sesións plenarias, mais co paso do tempo constatamos que se trataba dunha estratexias do señor Ferreira para limitar a participación e a liberdade de expresión da oposición. Está claro que ao Alcalde moléstalle unha oposición activa, participativa e propositiva e utiliza o Regulamento Orgánico para facela calar. Ademais, incluimos a posibilidade de que os técnicos municipais de secretaría e intervención poidan intervir cando sexan requiridos tamén polos voceiros e voceiras da oposición para aclarar algunha cuestión no debate plenario.
Por outra banda, tamén reclamamos a modificación da Ordenanza Reguladora do Medio Ambiente, Limpeza e Convivencia, no sentido de eliminar as inxustas sancións que don Paco Ferreira impón aos grupos municipais e partidos políticos que realizan campañas de denuncia nas vías públicas do concello de Gondomar con cartaces e pancartas. Hai unhas semanas, coñeciamos a sanción de 600 euros imposta a un grupo municipal por denunciar o estado das estradas e rúas no concello con cartaces en determinados lugares visibles. Novamente, trátase dun uso infame da normativa municipal para acalar a disidencia e as críticas contra unha xestión que deixa moito que desexar.
En definitiva, dende Manifesto Miñor queremos que o Regulamento Orgánico e as ordenanzas municipais garantan a liberdade de expresión e non estean supeditadas ao criterio dun alcalde autoritario que pretende coartar a actividade da oposición. O noso grupo seguirá defendendo un concello aberto e transparente, que defenda os valores democráticos e que non abrace a deriva autoritaria doutros lugares de Europa e do mundo.
Manfiesto Miñor