Manifesto Miñor presenta unha iniciativa para retomar o proxecto de aparcamento de autocaravanas iniciado polo concelleiro Xosé Antón Araúxo (MM) na pasada lexislatura
A finais de marzo os gobernos municipais dos concellos de Baiona e Nigrán anunciaron a súa intención de habilitar diferentes espazos públicos para lle dar unha correcta ubicación ás autocaravanas, un xeito de facer turismo e de viaxar cada vez máis estendido en todo o Mundo.
Pois ben, en xuño de 2016 dende a Concellaría de Turismo e Comercio de Gondomar que daquela dirixía o compañeiro de MM, Xosé Antón Araúxo, iniciou as xestións e os traballos necesarios para impulsar a creación dunha área exclusiva de autocaravanas como elemento xerador de recursos e como polo de atracción de visitantes desestacionalizados, deixando feito o correspondente proxecto para a súa execución.
No plan económico presentado daquela pola devandita concellaría de turismo, calculábanse uns ingresos anuais no tecido económico de Gondomar superiores aos 250.000€/ano, dos que 9.000€ irían directos ás arcas municipais pola explotación da propia área. O resto de ingresos indirectos serían do tipo de gastos en tendas, restaurantes, gasolineiras, bares, panaderías ou doutro tipo de servizos demandados polos visitantes. Probablemente a día de hoxe cos cambios nos hábitos sociais producidos pola COVID-19 os resultados sería aínda mellores.
Este tipo de instalacións especializadas van dirixidas a un sector que actualmente move en Galicia máis de 3.000 autocaravanas, 54.000 no estado español e 5 millóns en Europa, permiten ofertar eventos exclusivos para un sector da poboación amante da vida apracible, da Natureza e respectuoso co entorno. Este mercado potencial de máis de 15 millóns de turistas, sería quen de criar sinerxías con outros sectores a través de eventos culturais, gastronómicos temáticos, o que suporía un incremento económico considerable na Vila por cada un que se organizara.
O emprazamento dunha área de autocaravanas para que o impacto dos beneficios da súa implantación sexan directos na economía local, debe ser o máis próximo posible ao centro da Vila. Naquela altura o lugar proposto foi a zona do CDL, ou incluso na contorna da estación de Autobuses. Hoxe existe unha nova posibilidade de localización na recentemente comprada finca da “Casa Peralba” ou, calquera outro lugar a valorar.
Dicir que no seu día a devandita proposta obtivo o prácet, como ubicación óptima, pola Asociación Galega de Autocaravanas(AGA) precisamente pola súa proximidade ao centro da Vila, a unha área recreativa, pola continuidade cun espazo fluvial, por estar no medio dunha zona polideportiva ou mesmo pola localización da xefatura da policía local. Por último, o investimento nas obras necesarias para a adaptación destes espazos serían perfectamente asumibles polo Concello, pois no básico consistirían na instalación de tomas de auga, unha zona de avacuación de augas fecais, ou o acondicionamento do propio espazo.
Dende Manifesto Miñor, por tanto, consideramos que é o momento de recuperar o proxecto iniciado no seu día polo noso compañeiro Xosé Antón Araúxo e presentaremos una moción para solicitar ao Pleno da Corporación Municipal que inste ao Goberno Municipal e ao propio Alcalde a iniciar as xestións e os traballos necesarios para instalar nalgunha das ubicacións citadas unha “Área de Autocaravanas” que poida estar en funcionamento neste verán-2021.