Manifesto Miñor levará a Pleno os retrasos nos despregamento das conexións de fibra óptica nas parroquias de Gondomar
As novas tecnoloxías e a dixitalización son cada vez máis importantes para o desenvolvemento profesional, educativo e social. Con todo, despois de que grazas ás mobilizacións veciñais se conseguise que por fin comezara o despregamento da fibra óptica polo rural, agora vemos con asombro como, malia estar ás portas das nosas casas non se pode realizar a conexión. Nalgúns lugares de Borreiros, Chaín, Morgadáns, Peitieiros ou Couso levan máis de oito meses coa fibra e as caixas de conexión instaladas a beira das casas sen que a día de hoxe nin sequera se dirixise aos potenciais clientes un comercial das empresas subministradoras do servizo.
Estamos diante dunha situación insostible que comeza a ser percibida coma unha burla pola veciñanza afectada. Pola súa banda, o Concello semella desentenderse do asunto e ignorar as demandas de tantas veciñas e veciños de Gondomar. Por iso, dende Manifesto Miñor imos presentar unha moción no Pleno da Corporación Municipal do vindeiro 2 de xuño para solicitar a implicación do goberno municipal na resolución deste problema que afecta a tantas familias gondomaresas.