Manifesto Miñor estuda o modelo de remunicipalización de servizos públicos en Cambrils.

En Manifesto Miñor estamos comprometidas coa remunicipalización de servizos públicos.

En xuño de 2015, as forzas progresistas de Gondomar (Manifesto Miñor, CABE e PSOE), implicámonos nun ilusionante acordo de goberno que nos comprometía a estudar a remunicipalización dos servizos municipais: augas, parques e xardíns e recollida de lixo.

Lamentablemente nada se fixo neste sentido; máis ben ao contrario: desde a alcaldía, impulsouse un contrato de lixo con compañías privadas nun polémico concurso, que foi recorrido por dúas das empresas licitantes. Con posterioridade, a Consellería de Facenda paralizou a contratación ao admitir os recursos das empresas ao resultado deste confuso concurso.

En Manifesto Miñor seguimos fieis a nosa palabra e compromisos asinados en xuño de 2015, e seguimos traballando na municipalización do servizo de recollida de lixo para Gondomar. Consideramos que a escusa da alcaldía para retractarse dos seus compromisos non se axusta a realidade: aducir que non é posible a subrogación dos traballadores destes servizos, e por tanto a remunicipalización, choca cunha realidade na que moitos concellos xa recuperaron o control dos servizos públicos, ou están en vías de remunicipalizalos.

Hoxe, existen formulas legais, compatibles coa xestión pública e coa prestación do servizo por parte do persoal con experiencia que viña desempeñando as súas obrigas laborais nas empresas privadas.

 

 

O concelleiro Xosé Antón Araúxo desprazase a Cambrils para coñecer o seu modelo de xestión pública.

Para avanzar no obxectivo marcado no pacto de goberno, Manifesto Miñor vai estudiar o caso de Cambrils, concello en  tamaño de poboación un pouco maior que Gondomar. O consistorio desta localidade decidiu comezar por xestionar de forma directa o servizo municipal de parques e xardíns e o da limpeza viaria, co propósito de aforrar máis de 250.000€ anuais ás arcas municipais.

Pare este fin, o concelleiro Xosé Antón Araúxo ten concertadas esta semana dúas entrevistas: unha co concelleiro responsable de Servizos, Espazo Público e Medio Ambiente, Antonio Laguna; outra cos responsables de Secomsa (Serveis Comarcals Mediambientals SA) que é a empresa pública que se encarga da limpeza e recollida de lixo en Cambrils, desde hai máis de dous anos.

Un servizo propio, aberto a colaboración con outros concellos da comarca para abaratar custes, ampliar e diversificar servizos non só é unha aposta por un modelo de xestión pública, senón tamén por un modelo de eficiencia na xestión dos recursos públicos onde se poderían aforrar anualmente, máis de 150.000€. Asemade, disporíamos dun diseño propio na xestión do Punto Limpo.

 

Gondomar, 3 de decembro de 2018

Xosé Antón Araúxo Rodríguez,

Concelleiro de Manifesto Miñor

 

 

 

 

Decembro 5, 2018

Etiquetas: , ,