Manifesto Miñor e En Marea suman esforzos para continuar impulsando as mareas municipais

En Marea e Manifesto Miñor veñen de asinar un acordo de colaboración que suporá a suma de esforzos e a creación dunha fronte común a favor das necesidades das persoas e pola defensa dos dereitos fundamentais nos concellos de Gondomar, Baiona e Nigrán. O voceiro e a vicevoceira da formación, Luís Villares e Ana Seijas, trasladáronse este mércores ata o último deses municipios para arroupar o proxecto ao Antonio Araúxo representa no Concello de Gondomar. Foi nun acto no que tamén interviu Iris Malvido, membro do Consello de En Marea e participante da candidatura cidadá que agora ven de sumarse oficialmente á rede municipalista da formación.

Manifesto Miñor contará co respaldo de En Marea na carreira para facerse coas alcaldías dos Concellos de Gondomar, Nigrán e Baiona nas próximas eleccións de maio. Logo do acordo rubricado na antiga estación de tranvía da Ramallosa, a formación local convírtese oficialmente en representante dos valores de igualdade e xustiza social que En Marea quere garantir en todos os recunchos do territorio galego. Así o destacou a vicevoceira da formación, que puxo en valor a importancia do traballo en común dende a base e o municipalismo como motor indispensable para o impulso dun proxecto de país cooperativo, que garanta os dereitos da cidadanía e a súa calidade de vida.

“As mareas chegaron en 2015 para quedar, para asolagar o país. Seguindo o voso exemplo avanzamos construíndo espazos entre iguais que poñen ás persoas no centro das políticas. Cheos de forza e ilusión, no Val Miñor e en toda Galicia faremos reais a partir do 26M o mar de solucións que precisa a veciñanza”, aseverou Ana Seijas na súa intervención.

O acordo de colaboración rubricado este mércores en Nigrán dá exemplo do modelo de política no que cre En Marea. Un xeito de traballar que respecte a autonomía local e que permita a creación de sinerxias que axuden a avanzar no deseño dunha Galicia para as persoas, que garanta servizos, emprego e calidade de vida. Nesa liña se expresou o voceiro de En Marea, que amosou a súa vontade de sumar esforzos para dar forza a un país “que non esmoreza. Precisamos recursos para reverter a situación actual e deixar de ser unha fábrica de emigrantes pola falla de servizos básicos para a cidadanía en todos os concellos”, indicou Luís Villares.

O voceiro de En Marea tamén puxo o foco no inxusto e ineficaz modelo de financiamento actual, que ten ao Estado como principal fonte de recursos para as arcas locais e que para nada atende ás necesidades específicas de Galicia. Villares avogou por unha fórmula máis cercana, impulsada dende o goberno autonómico e que teña en conta “o avellentamento, a dispersión e o número de núcleos que ten cada un dos concellos, e que incrementa o custo de levar os servizos a cada unha desas parroquias. O modelo de financiamento non pode estar orientado a manter a situación actual, que non nos vale”, indicou Luís Villares, que avogou por políticas capaces de “garantir a cohesión territorial mediante o desenvolvemento do Valmiñor na área metropolitana de Vigo, co obxectivo de fomentar a mobilidade sostible en transporte público, o emprego, a ordenación do territorio e o crecemento ordenado do espazo urbano, a mellora de servizos comúns como o abastecemento e depuración de augas”.

A sinatura deste convenio de colaboración é un paso lóxico cara a unificación de esforzos de dúas formación que comparten inquedanzas, así como a idea dunha política directamente vinculada coas demandas sociais. Así o destacau Iris Malvido, que botou a vista atrás para lembrar o nacimento dun Manifesto Miñor que no seu día fixo posible que “moitas persoas que non participabamos na vida insitucional, ou cando menos non directamente, deramos o paso de construír este proxecto. Un proxecto aberto onde non importase de onde viñesemos sempre en cando estivesemos dispostas a traballar polo ben común”.

“Todo isto é congruente co que defende En Marea, co cal é unha secuencia lóxica asinar este protocolo e permitir así que as persoas que participan do espazo de Manifesto Miñor poidan sumar os seus votos de cara a conseguir deputados provinciais. Sentímonos representadas no espazo e entendemos que precisamos seguir tecendo rede, de cara non só a conseguir alternativas de goberno fortes nos tres concellos do Val Miñor; senón tamén para conseguir espazos de cooperación a nivel provincial e galego que nos permitan nutrirnos das experiencias doutras mareas irmáns, compartir información e traballar para conseguir o modelo de país que queremos”, resume Malvido.

Tamén o voceiro de Manifesto Miñor no Concello de Gondomar, Antonio Araúxo, destacou esa mesma vontade de trascender o ámbito do local que figura xa nos principios fundacionais da formación. “Manifesto Miñor nace como unha organización de unidade veciñal pero destaca a súa preocupación polo que pasa máis aló do ámbito municipal. Con esta sinatura o que facemos é precisamente sobrepasar eses límites do local de forma efectiva para, conxuntamente con outras persoas e organizacións caos que compartimos obxectivos traballar en común de agora en diante”, explica Araúxo, que adianta a presentación de candidaturas para as próximas eleccións municipais nos tres concellos do Val Miñor.

Fonte: https://enmarea.gal/en-marea-e-manifesto-minor-suman-esforzos-para-continuar-impulsando-as-mareas-municipais/