Manifesto Miñor denuncia o recheo dunha canle de regadío entre os barrios do Mosteiro e Souto, en Donas.

No día de onte, coñecemos o malestar dos veciños e das veciñas do Mosteiro e do Souto, na parroquia de Santa Baia, como consecuencias das obras de mellora da estrada que vai dende a Areosa ata a igrexa románica.

Segundo informaron dende a empresa que fai as obras, a grava permite a circulación da auga das escorrentías, mais, con todo, xa hai zonas nas que se están a formar pozas de auga que, previsiblemente, durante os meses de inverno con fortes choivas, poderían provocar inundacións nas leiras que están nas marxes da carretera. Dende Manifesto Miñor, polo tanto, consideramos que esa solución non é válida, e en pouco tempo a capacidade de filtarado  da grava desaparecerá por mor dos arrastres de terras, etc., facendo que desapareza o rego e que as augas vaian libremente pola estrada.

Por outra banda, trátase dunha canle de regadío que, na actualidade, aínda é utilizado por varias fincas de cultivo e recolle as augas da fonte e o seu presote e dunha presa de regadío existente nunha  das propiedades lindantes con esa estrada. A devandita solución mostra un claro descoñecemento da parroquia por parte do goberno municipal de don Paco Ferreira, xa que deixaría na práctica inservible o actual rego e sen auga ás fincas de cultivo. Para Manifesto Miñor é un asunto moi grave nos tempos que corren, pois hai que ter en conta a escaseza deste ben tan preciado. Por ese motivo, cómpre coidar e aproveitar ao máximo. 

Polo tanto, dende Manifesto Miñor reclamamos ao goberno municipal que atenda as demandas da veciñanza, fale coas persoas regantes e procure unha solución alternativa que non deixe sen posibilidade de regar as fincas da contorna que aínda fan uso desa auga. Así, presentamos o seguinte escrito para que don Paco Ferreira e o concelleiro correspondente fagan as xestións oportunas para corrixir esta situación.

 

Abril 14, 2023

Etiquetas: ,