Manifesto Miñor denuncia a falta de persoal e o peche de consultas no centro de saúde de Gondomar

O grupo municipal de Manifesto Miñor no concello de Gondomar vén de presentar unha moción ao pleno de setembro sobre a situación do Centro de Saúde de Gondomar e a falta de persoal, especialmente polas tardes, ante a negativa da Consellería de Sanidade de substituír ás profesionais e os profesionais de vacacións.
As persoas usuarias e mesmo o persoal do centro denuncia a precarización da atención sanitaria no centro de saúde durante o verán, unha situación que vai empeorar nas próximas semanas. O feito de non substituir o SERGAS ao persoal sanitario e non sanitario durante os períodos vacacionais ou por motivos de baixas, sumado ás restriccións impostas pola situación derivada do COVID-19 (as persoas seguen a enfermar por outros motivos) provocan un gran malestar: consultas telefónicas, cambios nas datas, períodos moi longos de espera para consultas, problemas á hora de citas para receitas, dous médicxs consultando pola mañá onde tiña que haber mínimo catro profesionais, etc. Toda esta problemática agravada vese por uns contratos en precario para o persoal. Así as cousas, o SERGAS viuse obrigado a PECHAR DURANTE O MES DE SETEMBRO AS CONSULTAS DE TARDE (veremos senón queda así definitivamante), co conseguinte prexuízo para centos de persoas, veciñas e veciños de Gondomar.
 
Dende Manifesto Miñor entendemos que a Sanidade Pública debe ser unha prioridade para calquera goberno. No caso da sanidade galega, iso pasa por dotala do persoal suficiciente para atendela e, por suposto, con contratos dignos. Por este motivo, Manifesto Miñor vai procurar o pronuciamento unánime da Corporación Municipal o vindeiro pleno de setembro, e como lexítimos representantes da cidadanía gondomarense, así fecérllelo saber ao Goberno Galego.
Agosto 30, 2020

Etiquetas: , , ,