Manifesto Miñor demanda priorizar os investimentos en servizos básicos, que tamén reclaman as veciñas e veciños da parroquia, antes que na humanización doa contorna da igrexa de Santa Baia

O voto en contra de Manifesto Miñor ao proxecto de humanización da contorna da Igrexa Románica de Santa Baia de Donas ten que ver co pouco tempo co que o señor Ferreira nos remitiu o proxecto (menos de 48 horas para analizar un documento técnico complexo) e coa necesidade de priorizar os investimentos nos servizos básicos que, tamén nesa parroquia, está reclamando a veciñanza.

No día de onte, 22 de novembro, ás 10:00 horas, celebrouse un “Pleno Extraordinario e Urxente” para aprobar o proxeto de “humanización” da contorna da Igrexa Románica de Santa Baia de Donas por un importe de 1 207 953 euros. Trátase dun proxecto coa suficiente embergadura para que o Sr. Alcalde informase antes aos grupos da Corporacíón. Nada diso: recibimos a documentación o mércores 20 e, tendo en conta que se trata dun expediente técnico voluminoso para revisar e facer consultas, pódese dicir que fomos ao Pleno baixo mínimos, sen posibilidade de ter revisado toda a documentación. Ese é o modus operandi do señor Ferreira cando quere ocultarlle infomación a oposición. A desculpa foi a de sempre: que hoxe era o último día para presentar o proxecto na Deputación. Por certo, o proxecto entrou no concello o 18 de outubro. Até aí o apartado “democracia para alcaldes…

E o proxecto? Que pasa co proxecto? Pois volvemos ao de sempre. O Sr. Ferreira prioriza o “bonito” e as fotos dunha grande inauguración sobre o necesario e urxente, como sería dotar ás parroquias e aos barrios con servizos básicos: auga pública, saneamento ou, por exemplo, a instalación de beirarrúas entre o Telleiro e A Esparela que tanto ten reclamado a veciñanza de Borreiros. Manifesto Miñor votou en contra, non porque nos pareza mal mellorar a contorna de Santa Baia de Donas, senón porque con eses cartos poderíase sanear unha parroquia enteira, estender a rede de saneamento aos barrios de Santa Baia que carecen del (en San Cibrán, por exemplo) ou deixar case rematadas as obras das beirarrúas en Borreiros. Un concello vertébrase dotándoo de servizos básicos.

Manifestación polas beirarrúas entre o Telleiro e A Esparela, na parroquia de Borreiros no ano 2023.

Estado actual das beirarrúas na parroquia de Borreiros.

Non é ético nin xusto “adornar” unha parroquia mentres noutras as augas fecais baixan polas cunetas ou contaminan os pozos de auga, mananciais, regueiros, etc. Isto é o que non quer enteder o Señor Ferreira. Como coñecemos as mañas do Sr. Alcalde e a súa probervial demagoxia, cómpre aclarar que as bases publicadas no BOPPO Nº206, que regulan a convocatoria destas axudas, definen con claridade que os proxectos estratéxicos son aqueles cuxos investimentos teñen un compoñente vertebrador dos territorios e para fomentar a igualdade de oportunidades entre o rural e o ubano, ou que os investimentos supoñan unha mellora relevante en canto ao equilibrio territorial na prestación de servizos. É dicir, o saneamento ou as beirarruas de Borreiros encaixaban perfeitamente neste plan da Deputación, pero está claro que don Paco actúa polo seu afán de vinganza contra quen está a reclamar lexitimamente o que lle corresponde. E isto ten que saberse…

Xulgade vós mesm@s.

Novembro 23, 2024

Etiquetas: ,