Manifesto Miñor demanda políticas efectivas de apoio ao colectivo LGTBIQ+ por parte dos concellos do Val Miñor
O 28 de xuño é deses días que paga a pena conmemorar, pois trátase dun día de festa e, sobre todo, de reivindicación para o colectivo LGTBIQ+, pois conmemórase o nacemento deste movemento de loita, con motivo do aniversario das revoltas de 1969 en Greenwich Village (Nova York) nas que a comunidade LGTBIQ+ neoiorquina se enfrontou á opresión e persecución, tanto social como institucional, de persoas gais, lesbianas e transexuais. Aló van 55 anos daquel fito histórico e, malia os avances conquistados grazas á afouteza de tantas persoas activistas, segue sendo necesario organizar a resistencia contra quen, aínda hoxe, nega o dereito de ser a moitas persoas LGTBIQ+.
Neste sentido, dende Manifesto Miñor consideramos moi preocupante a proliferación de discursos de odio contra o colectivo LGTBIQ+ en todos os ámbitos, especialmente na política e nos medios de comunicación, dada a súa repercusión social no momento actual. Este aumento do odio está directamente relacionado coa vaga de extrema dereita que asola Europa (cómpre ver os resultados das últimas eleccións europeas) e que propaga discursos profundamente reaccionarios repletos de bulos e informacións falsas ou imprecisas contra todo tipo de diversidade e, por suposto, contra a diversidade afectivo-sexual. O retroceso nas liberdades ao que nos leva a radicalización discursiva e ideolóxica da dereita e da dereita extrema impide avanzar cara unha situación real de igualdade e respecto, sen LGTBIQ+fobia e de normalización da diversidade.
Diante desta situación, en Manifesto Miñor consideramos insuficiente colocar a bandeira arco da vella nas fachadas dos concellos, como fixeron estes días ou hoxe mesmo algúns concellos do Val de Miñor. Cómpre lembrar que esta iniciativa foi transgresora no ano 2007, cando o compañeiro Antonio Araúxo chegou a Alcaldía de Gondomar e abriu as portas e as ventás do concello á diversidade; mais, hoxe, calquera concello gobernado por un partido que se considere minimamente progresista ten unha programación máis ou menos ampla durante todo o mes de xuño con motivo do Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+. Por suposto, valoramos negativamente a eliminación da escasa programación con motivo do 28 de xuño que organizaba no Val de Miñor o Concello de Baiona. A viraxe á dereita en Baiona fixo que a loita LGTBIQ+ deixase de estar na axenda política do goberno municipal.
O retroceso está chegando aos Concellos e os discursos reaccionarios están penetrando de maneira irremediable na política municipal. Por iso, dende Manifesto Miñor demandamos dos Alcaldes dos concellos da comarca un compromiso firme coa diversidade e políticas efectivas de apoio ao colectivo LGTBIQ+. Apoiar as asociacións LGTBIQ+ que tiveron e teñen implantación na comarca e manter unha interlocución fluida con elas a través de Consellos Municipais LGTBIQ+, así como impulsar un programa de actividades polo mes do Orgullo son dúas das actuacións prioritarias neste sentido. Por suposto, tamén se deberían realizar campañas de sensibilización noutras datas sinaladas como o 17 de maio, Día Internacional contra a LGTBIQ+fobia, ou o 25 de abril, Día da Visibilidade Lésbica, por poñer só un par de exemplos.
No Val de Miñor, 27 de xuño de 2024
Manifesto Miñor