Manifesto Miñor demanda consenso na elaboración do proxecto de humanización da praza Rosalía de Castro
O anuncio feito polo Sr. Alcade a finais do mes abril sobre a redacción dun proxecto para peonalizar Praza de Rosalía de Castro, lonxe de ser recibido con interese polos veciños e comerciantes da zona, produciu unha fonda preocupación e malestar nos mesmos. Os motivos son varios:
- Por unha banda, está a situación xeralizada do pequeno comercio que esmorece e camiña cara á extinción sen que as autoridades, municipais e gobernamentais, reparen nese feito e actuen en consecuencia.
- Por outra, a preocupación de que unha peonalización imposta sen valorar a dinámica comercial e veciñal da zona, leve ao peche definitivo á maioría dos negocios alí existentes.
- A maiores, estaría a falta de aparcamento na zona e o papel da Praza de Abastos, que quedaría ferida de morte.
Por iso, dende Manifesto Miñor presentamos unha moción no sentido de falar con comerciantes e veciñxs para elaborar un proxecto consensuado e que sume, que axude á dinamización económica da contorna da Praza de Abastos e, ao tempo, sexa un lugar de encontro para veciñas e veciños.