Manifesto Miñor coa loita contra o VIH e a SIDA
Hoxe, 1 de decembro, é o #DíaMundialdaLoitacontraoVIHeaSIDA. Dende Manifesto Miñor sempre defendemos a necesidade de desenvolver políticas activas de concienciación para previr o contaxio e, sobre todo, garantir a integración de todas esas persoas, mulleres e homes, que diariamente teñen que convivir non só coa enfermidade senón tamén co estigma, coa exclusión social e coa serofobia.
É fundamental que as institucións públicas tamén fagan un exercicio de pedagoxía para erradicar os mitos e estigmas das persoas con VIH.
Mais hoxe, a política do lucerío apagou unha loita que comezou hai moitos anos e segue invisibilizada. Dende Manifesto Miñor, lamentamos a falta de iniciativas por parte dos concellos do Val Miñor en visibilizar, concienciar e promover un traballo positivo a prol das persoas seropositivas. Neste primeiro de decembro, os gobernos socialistas(?) de Baiona, Gondomar e Nigrán, coa súa política de omisión, promoven o estigma, o tabú, a exclusión.
Asemade, hai que promover a colaboración entre distintas Administracións, fundamentalmente en dous ámbitos moi concretos: o primeiro é a prevención. O alto índice de contaxios segue a ser o gran reto da nosa sociedade e é deber de todas as administracións públicas educar á mocidade na práctica responsable da sexualidade, concienciar sobre a necesidade de empregar métodos profilácticos e incidir sobre a importancia de facer a proba con regularidade (un 30% das persoas infectadas descoñeces que son portadoras do virus). A inclusión do PrEP (Profilaxis Pre-Exposición) no noso sistema de saúde, a baixada da carga impositiva dos métodos profilácticos (nomeadamente o preservativo) ou o incentivo das realizacións das probas de de detección do VIH son algunhas das actuacións que se deberían desenvolver para loitar contra o contaxio.
O segundo aspecto no que deberían facer fincapé as políticas contra o VIH e a SIDA é a loita, dende todas as administracións, contra a discriminación social e laboral das persoas seropositivas; a serofobia é un delito de odio que debe ser denunciado e combatido dende tódolos ámbitos.
Todos estes aspectos, e moitos outros, deberían ser recollidos nun futuro Pacto de Estado fronte o VIH e a SIDA, tal e como reclaman os colectivos LGTBI. É absolutamente impresentable o tratamento que, dende a dereita reaccionaria, se lle deu no día de onte na sesión parlamentaria; o tratamento que o Presidente do Goberno do Estado español fixo desta problemática social, cun discurso carente de compromiso e sen ningunha referencia as políticas concretas de prevención, explica a situación discriminación que sofren as persoas seropositivas.