Manifesto Miñor chama á veciñanza miñorá a participar masivamente nas eleccións galegas do vindeiro 18F
Nunca antes como agora, estiveramos tan preto de botar ao Partido Popular do goberno da Xunta de Galicia. Estamos nun momento histórico, excepcional, e, por iso, dende Manifesto Miñor, unha candidatura de unidade veciñal consolidada na comarca, animamos a toda a veciñanza do Val de Miñor e de todo o País a participar masivamente nos vindeiros comicios e votar en consecuencia para acadar un goberno digno para todas as galegas e os galegos.
Por nós non vai quedar se dende Manifesto Miñor podemos contribuír en algo ao cambio galego. Xa que logo, de acordo cos nosos principios fundacionais e na liña aberta por outras formacións nestas últimas semanas, pedimos directamente o voto para quen, nas circunstancias actuais, defende un goberno galeguista e progresista, traballa polo ben común e ten o centro de decisión en Galicia.
É agora o momento de recuperar a sanidade pública, un ensino de calidade e poñer as institucións ao servizo da cidadanía. É agora o momento de termos un goberno que se preocupe dos problemas reais das galegas e dos galegos e, por suposto, das veciñas e veciños do Val de Miñor (transporte público de calidade, solución inmediata para as enchentes dos ríos Miñor e Zamáns, servizo de comedor para o alumnado de todas as aulas do CRA Antía Cal, gratuidade da autoestrada que atravesa os nosos concellos… e tantas outras reivindicacións de vello). É agora o momento de reconstruírmos Galicia.
O 18F xogámonos o futuro de Galicia. Vota por un goberno galego que goberne cos pés na Terra.
Val de Miñor, 15 de febreiro de 2023.
Manifesto Miñor.