Manifesto Miñor aposta por un PXOM que conte coa participación de toda a veciñanza e que libere solo público para construir vivenda de promoción pública

Na metade da campaña, o PXOM é un asunto do que non se está a falar. Por iso, dende Manifesto Miñor queremos lembrar que a ordenación do territorio que habitamos é unha necesidade urxente, mais participar nesar ordenación é tamén un dereito que as veciñas e os veciños temos. A solución pasa por botar a andar de novo a tramitación do novo PXOM e, mentres tanto, seguir delimitando núcleos para axudar a resolver aquelas cuestións urbanísticas máis urxentes, como fixemos mentres Manifesto Miñor estivo ao fronto da área de Urbanismo.

 

PXOM 

A primeira medida cando cheguemos ao goberno municipal será sacar do caixón da Alcaldía o PXOM e volver implicar na súa tramitación e debate ao conxunto da veciñanza e aos axentes sociais. A información e a transparencia son a clave para conseguir un territorio ordenado: é necesario contar con todxs e recoller as necesidades e retos que nos abre o século XXI. En resumo, trátase de decidirmos como queremos vivir e habitar o noso territorio. Esa foi a liña que seguiu Manifesto Miñor cando tivemos responsabilidades nesta área, xa que saímos ás parroquias a informar, explicar, recoller suxestións… sen medo á crítica.  A día de hoxe nada se sabe do PXOM, agás as promesas feitas polo alcalde recollidas en grandes titulares de prensa (a primeira en 2018, nada máis expulsar de Urbanismo a Antonio Araújo; a última, as promesas feitas estes días de campaña). A aprobación do PXOM, ademais de normalizar un asunto clave para Gondomar, permitirá a planificación e liberación de solo público para a construción de vivendas de promoción pública, de alugueiros ou prezos asequibles para a mocidade e as persoas máis vulnerables. 

 

DELIMITACIÓN DE NÚCLEOS RURAIS NAS PARROQUIAS 

A anulación do PXOM do 97 polo TS a instancia do PSOE provocou unha situación de tal complexidade urbanística e inseguridade xurídica que a día de hoxe seguimos padecendo as consecuencias. A devandita anulación resucitou as vellas Normas Subsidiarais Provincias, agora Plan Básico Autonómico, que, se ben serven para evitar a parálise total, son insuficientes para ordenar correctamente o territorio do Concello. Con todo, a delimitación de novos núcleos serviu para resolver moitas situacións urbanísticas inxustas que puñan en risco moitas vivendas. Pois ben, mentres Antonio Araújo foi concelleiro de urbanismo delimitáronse os núcleos de Campo Grande, Prado, San Roque, Mourisca, A Carballa, Penalba, Cruceiro-Donas e A Rochela. A maioría absoluta do Sr. Ferreira aparcou as devanditas delimitacións e meteu no caixón o PXOM. O noso compromiso é que mentres o PXOM non estea aprobado definitivamente seguiremos coas delimitacións de núcleos iniciadas polo noso concelleiro no seu día. 

 

En Gondomar, a 21 de maio de 2023.

Asdo.: Antonio Araújo.

Concelleiro e candidato á Alcaldía de Gondomar por MM

Maio 21, 2023

Etiquetas: , , ,